Monseñor Barrio convida os cristiáns a dar “testemuño do Evanxeo” a pesar das dificultades

  • O arcebispo indica na festa da Translación do Apóstolo que “o sentir relixioso non desaparecerá nunca”

O arcebispo de Santiago convidou hoxe os cristiáns na súa homilía na Misa Solemne da festa da Translación do Apóstolo  para “dar testemuño do Evanxeo” e a tratar de vivir a súa mensaxe en todos os ámbitos da vida, a pesar das dificultades do momento. “O sentir relixioso”, dixo monseñor Julián Barrio, “non desaparecerá nunca porque non se pode eliminar do corazón do home a inquietude sobre o significado da propia vida, preguntándose sobre ou misterio. Dependemos de Cristo, Camiño, Verdade e Vida”. O arcebispo pediu a intercesión do Apóstolo Santiago para os “cristiáns perseguidos, membros da única Igrexa de Cristo, polo fortalecemento da nosa vida cristiá, pola santificación da familia a fin de que realice a súa misión de coidar e educar os seus fillos en tranquilidade de espírito”.

Na súa homilía da festa da Translación do Apóstolo, cuxas reliquias son “memoria e testemuño,  signos pobres e fráxiles do que foi o seu corpo co que pensou, traballou, rezou, e experimentou o martirio”, monseñor Barrio avogou hoxe por vivir a fe sen complexos, no medio das dificultades: “A nosa vida de crentes discorre no medio de probas; a dor acompáñanos; o horizonte da fe parece afastado; o mal faise sentir con dureza. E preguntámonos, por que acontece isto se Deus é bo, se Deus é Pai? A vida non é teoría ou unha colección de referencias: a vida é amar e arriscar e ir construíndo no tempo unha historia única”, explicou o arcebispo.

Isto supón, segundo dixo monseñor Barrio, “tomar parte nos padecementos polo Evanxeo segundo a forza de Deus, dille Paulo a Timoteo cando a tentación é facer da fe un refuxio consolador pero a fe ha de inserirse na cultura sen caer no risco de facer da cultura a fe”.

O arcebispo explicou que “a existencia humana non pode reducirse a unha forma pechada de estar no mundo, senón a unha realidade aberta ao transcendente. A fe e vida cristiás nútrense da promesa de Deus, amorosamente próximo aos homes, cos homes, para os homes e a través dos homes”.

E engadiu que “a secularización interna que vivimos, maniféstase na débil transmisión da fe aos mozos que non saben que facer das súas vidas e que deben ser escoitados; na diminución de vocacións para o sacerdocio e para a vida consagrada; e na escasa presenza pública dos cristiáns facéndose eco da Doutrina Social da Iglesia, buscando o ben común, defendendo a vida desde a súa concepción ata a morte natural, apoiando a familia, revitalizando a cultura cristiá, e velando pola ecoloxía integral que incorpora as dimensións humanas e sociais”.

Monseñor Barrio sinalou, ademais, que “non medio do desacougo a esperanza cristiá asegúranos que transmitir o don da fe fai chegar aos homes a mensaxe da salvación, sentirse amados por Deus e recoñecerse a si mesmos en Cristo que nos fixo comprender que significa amar”.

Ao termo da súa homilía, o arcebispo compostelán indicou que “con confianza poño sobre o Altar, co Patrocinio do Apóstolo, a vosa ofrenda, Excmo. Sr. Delegado Rexio, tendo en conta as intencións das Súas Maxestades e da Familia Real, dos nosos gobernantes estatais, autonómicos e locais, das persoas e familias necesitadas espiritualmente e materialmente, e de todos os que formamos os distintos pobos de España, de xeito especial dos queridos fillos desta terra galega. Encomendo ao amigo do Señor esta querida Arquidiocese Compostelá para que asuma o compromiso de transmitir o legado da nosa fe”.

Versión en castelán