Monseñor Barrio convida os diocesanos a colaborar economicamente co labor dos misioneiros no día do Domund

  • O arcebispo lembra que hai “miles de homes e mulleres que, ante unha pandemia mundial, non teñen a posibilidade de buscar forzas en Deus porque simplemente non tiveron oportunidade de coñecelo”

A Igrexa celebra este domingo día 18 de outubro o día do Domund, a tradicional festa misioneira na que se pide oración polos misioneiros e apoio económico aos fieis para o labor que desenvolven. Nesta ocasión, o lema proposto polo Santo Padre para a xornada neste ano tan atípico é todo un desafío: “Aquí estou, mándame”. Con este motivo, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, enviou unha carta pastoral aos diocesanos na que anima “a toda a Diocese a que, desde a humildade, cooperemos mediante a nosa oración, sacrificio e esmola coas Obras Misionales Pontificias e cos miles de misioneiros que realizan o seu labor impagable de forma anónima tras esta institución”. As colectas que se fagan nos templos neste domingo dedicaranse ás Obras Misionais Pontificias.

Na súa carta, o arcebispo compostelán lembra que “aínda que é certo que estamos a vivir tempos de incerteza e dificultade,  poñemos os nosos ollos na Cruz vitoriosa de Cristo recoñecendo nela os crucificados dos nosos días”, hai “miles de homes e mulleres que, ante unha pandemia mundial, non teñen a posibilidade de buscar forzas en Deus porque simplemente non tiveron oportunidade de coñecelo”. E monseñor Barrio indica que “alí están, alí seguen, entre eles e con eles, miles de bautizados que encarnan plenamente nas súas vidas a Misión que constrúe á Igrexa. Eles son os misioneiros que, vangarda da Igrexa, sentiron no máis fondo do seu corazón a responsabilidade de compartir o seu Bautismo”.

O arcebispo pide a todos ter “presente, nestes tempos máis ca nunca, o espírito valente de Pauline Jaricot, fundadora da Obra da Propagación da Fe, que será proximamente beatificada e que soubo ver no pequeno e débil a gran forza do Espírito que transforma o mundo e fai da creación fogar fraterno dos fillos de Deus. A colaboración nas distintas dimensións con aqueles que non recibiron aínda a Palabra non é mérito da nosa parte senón que, como ela mesma dicía,  “son eles os que nos fan a honra de aceptar a nosa axuda”.

Mensaxe para a Xornada do Domund 2020

Versión en castelán