Monseñor Barrio convida a mocidade a implicarse activamente na preparación da PEJ21

  • Hoxe déronse a coñecer o logo, o cartel e o himno deste encontro da mocidade, que será unha das citas fortes do Ano Santo Compostelán, entre o 4 e o 8 de agosto de 2021

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, convidou hoxe a mocidade a implicarse activamente na preparación da Peregrinación Europea da Mocidade (PEJ21) e na súa participación nos actos previos e nas xornadas en Compostela, que terán lugar do 4 ao 8 do mes de agosto de 2021, Ano Santo Xacobeo. “Tedes que actuar como Xoán Bautista de precursores e animadores”, explicou o arcebispo compostelán. Na rolda de prensa na que se presentaron o logo, o cartel e o himno desta cita, unha das consideradas fortes para a programación pastoral do Ano Santo, tamén estiveron presentes Raúl Tinajero, secretario técnico da subcomisión de Mocidade e Infancia da Conferencia Episcopal Española, así como o delegado diocesano de Infancia e Xuventude, o sacerdote Javier García. Monseñor Barrio sinalou, ademais, que a Arquidiocese compostelá xa recibiu numerosas mostras de interese por este encontro da mocidade para o próximo Ano Santo.

Monseñor Barrio expresou, ademais, que a peregrinación á Casa do Señor Santiago, nestes tempos de pandemia polo Covid 19  e por outras “pandemias” como a falta de sentido na vida, ha de ser un signo de fe e de esperanza, algo que desemboca na caridade que “é o amor ao que a fe dá vida”. Esa invitación á peregrinación, precisamente, é a razón de ser deste encontro da mocidade. O lema, Mocidade, érguete e sé testemuña. O Apóstolo Santiago espérate, é unha manifestación do impulso que debe animar os mozos e mozas para dar testemuño da súa fe en Cristo.

 

Segundo explicou Javier García, a PEJ21 expúxose non só como un encontro duns días en Compostela (do 4 ao 8 de agosto do 2021), senón como posibilidade de realizar o Camiño de Santiago os días previos. Para iso formuláronse oito camiños distintos, cuxo percorrido íntegro será en Galicia, pasando polas catro provincias. Ademais dos típicos camiños ofrecerase outro camiño que transcorre todo el pola diocese compostelá, o que sae de Fisterra e bordeando a costa por Cee, Muros e Carnota, adéntrase por Negreira ata Santiago. Para a pre-inscrición e reserva de camiños (previo á PEJ21) está dispoñible o correo electrónico caminospej2021@conferenciaepiscopal.es

Concursos

Na rolda de prensa Raúl Tinajero presentou, en compañía de Javier García,  os gañadores dos concursos que se convocaron para o himno, cartel e imaxe corporativa deste encontro. A data de peche do concurso foi o 22 de xuño e ata a data recolléronse 21 propostas para himnos, 17 para logos e 11 para carteis. A comisión executiva da organización da PEJ, constituíu un xurado anónimo composto por unhas 30 persoas de diferentes realidades e ámbitos: principalmente mozos e mozas, aínda que tamén responsables de pastoral, expertos en música e bispos. Achegaron cada un deles a súa visión e opinión.

O autor do logo gañador é Antonio Jesús Marcos, que tamén gañou o concurso para o cartel. O gañador do concurso do himno, pola súa banda, foi Ruben de Lis, coa canción Ven a Santiago, máis que un camiño.

Ademais, creouse unha sección para a PEJ21 en Pastoral de Mocidade que é www.pastoraldejuventud.es/pej21 onde está toda a información, e iranse publicando todas as noticias e informacións. Ademais, está dispoñible o correo electrónico para consultas e dúbidas da PEJ21: pej2021@conferenciaepiscopal.es

Versión en castelán