Monseñor Barrio convida os laicos a manter o compromiso social expresado durante a pandemia

  • O arcebispo pide na súa Carta Pastoral no Día da Acción Católica e Apostolado Seglar dar “testemuño de que o cristianismo é un modo fascinante de dar sentido á existencia”

Nunha Carta Pastoral no Día da Acción Católica e Apostolado Seglar, o arcebispo compostelán convida a todos os laicos a edificar “a cidade de Deus no medio da cidade dos homes, sendo humildes, amables e comprensivos, entregando a vida polos demais como comprobamos nestes meses da pandemia que padecemos”. Monseñor Julián Barrio asegura, ademais, que hai que dar “testemuño de que o cristianismo é un modo fascinante de dar sentido á existencia”. Esta xornada celébrase o vindeiro domingo, solemnidade de Pentecoste. A Igrexa que vive do Espírito Santo exprésase, como en tempos dos Apóstolos, “nun mesmo ánimo, en compartir os bens e na oración xa sexa comunitaria ou privada”.

A carta aos laicos do arcebispo compostelán lembra “os ecos do noso Sínodo diocesano e os máis recentes do Congreso Nacional de Laicos celebrado no mes de febreiro pasado”. Monseñor Barrio explica que xa “entón percibiuse que se abrían as portas e as xanelas dos cenáculos en que ás veces se atopaba o apostolado laical, sentíndose a necesidade de saír ás prazas e ás rúas cun novo vigor e entusiasmo para cumprir o mandato de Xesús” de proclamar o Evanxeo polo mundo enteiro.

“No día do Apostolado segrar e da Acción católica”, asegura o arcebispo, “pídesenos valorar a vocación laical e o que esta achega á Igrexa, redescubriendo a condición de bautizados”. Monseñor Barrio sinala que “na miña carta sobre “a pastoral do día despois”, dicíavos que nestes momentos está a condicionar o futuro a idea de suspender e trasladar: moitos acontecementos de carácter pastoral, cultural, social, e deportivo, algúns suspéndense e outros trasládanse a novas datas. A nosa preocupación pastoral debe ser transformar con creatividade a nova realidade que nos vai tocar vivir”. Ademais, comenta o arcebispo, “a Igrexa segue deixándonos a mensaxe de que o contido de vida cristiá fundaméntase en coñecer a Cristo, en vivir a eucaristía, en compartir a propia existencia cos demais e en asumir a acción misioneira (cf. Feit 2,42-47). É a Igrexa humilde e próxima á condición humana e espiritual do home, e portadora de salvación e de esperanza”.

Versión en castelán