Monseñor Barrio: “as persoas discapacitadas son suxeitos activos da nosa comunidade e temosos que acollelos sen exclusión”

  • Carta Pastoral do arcebispo ante o Día Diocesano das persoas con discapacidade, que se celebrará este día 3 de decembro

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio acaba de facer pública unha Carta Pastoral con motivo da celebración do Día diocesano das persoas con discapacidade. Monseñor Barrio indica que “as persoas discapacitadas son suxeitos activos da nosa comunidade e temos que acollelos sen exclusión e escoitalos sen esquecer que o Señor está no corazón de cada un. No quebracabezas, cheo de colorido da nosa sociedade, ocupan un relevo significativo. A súa ausencia xeraría a perda dunha axuda moi necesaria. Deles podemos aprender a aceptación da súa condición, a alegría de vivir, a constancia no seu espírito de superación, a paciencia e a esperanza dunha realidade mellor”. E engade o arcebispo: “As persoas discapacitadas son ese libro humano no que tantas cousas, cheas da cor da vida, podemos aprender. A familia onde se recibe a vida, os medios de comunicación e a Igrexa, portadora de verdadeiro humanismo, deben contribuír a que a sociedade axude a estas persoas para que poidan desenvolver todos os seus dons”.

Coincidindo co inicio do tempo de Advento, e estando ás portas do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que desde 1992 vén celebrándose cada 3 de decembro en todo o mundo, a Comisión Diocesana de Pastoral con Persoas con Discapacidade “Catequese Dis-ferente”, preparou diversos materiais e iniciativas. A comisión atópase integrada polas Delegacións de Pastoral da Saúde e de Catequese.

Na súa carta pastoral, monseñor Barrio explica que “ignorar a dignidade destas persoas é contribuír á desaparición da nosa civilización impregnada polo cristianismo”. Sinala, ademais, que “con frecuencia vemos persoas cuxa única posibilidade de moverse proporciónanlla as cadeiras de rodas. Atopámonos con persoas cun bastón branco atravesando os pasos de peóns ao noso lado. Outras veces percibimos xunto a nós a persoas con mirada sen pestañexar perdida ao lonxe. Ante esta realidade ha de xurdir o amor misericordioso de Deus Pai que debe levarnos non só a aceptar senón a integrar a estas persoas na nosa sociedade no ámbito familiar, laboral e social”.

O arcebispo asegura, igualmente, que “o grao de saúde física ou mental non engade nin quita nada á dignidade da persoa, máis aínda o sufrimento pode darlle dereitos especiais na nosa relación con ela” e que o xa próximo Nadal “é unha ocasión providencial para redescubrir a tenrura de Deus connosco e comprometernos a manifestala cos demais”.

Versión en castelán