Monseñor Barrio chama á xenerosidade dos diocesanos para un compromiso económico que permita manter a acción caritativa e social da Igrexa

  • O arcebispo expresa a súa preocupación pola situación de moitas “persoas” que acoden a Cáritas  e polos efectos da crise que se aveciña nos máis vulnerables

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, pide á Diocese en xeral e a cada diocesano en particular, un especial esforzo de solidariedade e compromiso económico para que a Igrexa, a través das súas institucións de acción caritativa e social, poidan afrontar o reto da crise que se aveciña. “Son momentos”, explica monseñor Barrio nunha carta pastoral, “nos que debe prevalecer a xenerosidade, asumindo a corresponsabilidade no sostemento da Igrexa e na solidariedade cos pobres de preto e de lonxe. Mirar os demais cos ollos do corazón é tratar de que ninguén quede atrás. Neste sentido fágovos unha chamada a todos os diocesanos, tamén ás persoas de boa vontade, pedíndovos a vosa colaboración económica na forma en que creades máis oportuna e poidades facelo”.

A preocupación da Igrexa diocesana polas consecuencias económicas e sociais derivadas da crise sanitaria do COVID 19 maniféstase nas palabras do arcebispo: “Non son momentos fáciles os que se nos aveciñan tamén desde o punto de vista económico. Xa están a chamar ás portas familias e persoas que se senten angustiadas economicamente. A crise estamos a percibila”, indica monseñor Barrio.

O arcebispo, tras expresar a súa dor polos falecidos, a súa proximidade ás familias das vítimas do coronavirus e compartindo o sufrimento por non poder despedir, “como sentiamos a necesidade de facelo”, aos defuntos, explica que “vemos xa que as nosas Cáritas están excedidas polas moitas persoas que han de ser atendidas”, á vez que lembra que “os ingresos nas parroquias nesta tempada non é que descendesen, senón que non os houbo”.

Monseñor Barrio explica que “o modo desa posible achega podería ser a través da parroquia ou da Administración diocesana en nº de conta: ES25 2080  5155 9730 4006 2341 de ABANCA, ou no portal www.donoamiiglesia.es tratando de aliviar as consecuencias xeradas pola pandemia. Esta é a miña proposta e petición que deixo á vosa xenerosa consideración”.

Versión en castelán