Monseñor Barrio pide facer frutificar o “talento” do Novo Ano

A falta da Eucaristía na festividade da Epifanía do Señor, o próximo día 6 de xaneiro, o arcebispo de Santiago completou neste tempo de Nadal unha densa axenda de actos litúrxicos e pastorais. O último deles foi a Misa de Ano Novo, o 1 de xaneiro, Xornada da Paz, na Catedral de Compostela, unha xornada dedicada á Nai de Deus. Na súa homilía, monseñor Julián Barrio, lembrou que ao comezo do ano lembramos a María como “figura e modelo de fe da Igrexa, protagonista da historia da salvación como nai de Deus, muller que dixo si ao proxecto divino”.

Monseñor Barrio referiuse tamén aos migrantes e refuxiados, a quen este ano estaba dedicada especialmente a Xornada da Paz, por desexo do papa Francisco. “É preciso”, explicaba o arcebispo, “saber descubrir que estas persoas traen consigo valentía, capacidade, enerxía e xustas aspiracións ademais da súa propia cultura. Os puntos cardinales para orientarnos nesta situación son: acoller, protexer, promover e integrar”.

Do Ano Novo, monseñor Barrio dixo que “o recibimos das mans de Deus como “un talento” precioso que temos que facer frutificar, e como unha ocasión providencial para contribuír a realizar o reino de Deus”.

Tras celebrar a Misa de Galo e a de Nadal na Catedral, en días posteriores o arcebispo compostelán presidiu a Eucaristía nas Relixiosas de María Inmaculada, en Santiago, e na parroquia de santo Estevo de Noalla. Tivo, ademais, un encontro co clero novo da Arquidiocese e unha reunión de traballo con responsables e colaboradores da Delegación de Medios de Comunicación Social. E, como todos os anos, monseñor Barrio presidiu a solemne celebración da Translación do Apóstolo.

En días previos ao Nadal, o arcebispo xirara visitas ao centro penal de Teixeiro e á planta de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Versión en castelán