Inicio Actualidade Monseñor Barrio pide non marxinar “a Deus do horizonte da realidade social,...

Monseñor Barrio pide non marxinar “a Deus do horizonte da realidade social, cultural, política e económica”

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio, presidiu hoxe na catedral a Eucaristía da Festa da Translación do Apóstolo. Na súa homilía –en resposta á invocación realizada polo Delegado Rexio, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta- monseñor Barrio instou a non marxinar “a Deus do horizonte da realidade social, cultural, política e económica da nosa existencia”. O arcebispo lembrou que o cristianismo “nos ofrece unha visión transformadora do mundo” e avogou por valorar “o sacrificio, a solidariedade e a entrega aos demais”, á vez que indicou que “non podemos chamarnos cristiáns se pasamos de lonxe sobre situacións inxustas que xeran marxinación e abandono”.

O arcebispo de Santiago resaltou hoxe na súa homilía da Misa da Translación do Apóstolo que “na nosa cultura é necesario valorar o sacrificio, a solidariedade e a entrega aos demais. Dá a impresión de que se escureceron as grandes evidencias que constituían a base firme da nosa convivencia humana e cristiá. Ensimesmados en nós mesmos, pechamos as portas do corazón sen oír que están a chamar nelas, pensando que preocuparse dos demais, é perder o tempo”.

Monseñor Barrio instou, ademais, a superar o “individualismo”, pois non “podemos chamarnos cristiáns se pasamos de lonxe sobre situacións inxustas que xeran marxinación e abandono”. E explicou que a actitude de servizo e de entrega “úrxenos á sandar as feridas físicas e espirituais de tantas vítimas,  levando a misericordia de Deus que consola e abrindo os brazos a todos, sobre todo aos que sofren complexas experiencias no ámbito familiar, social e relixioso”.

O arcebispo compostelán demandou non marxinar “a Deus do horizonte da realidade social, cultural, política e económica da nosa existencia”, xa que pechar os ollos á luz de Deus “levaríanos ao aturdimento con efectos negativos para nós mesmos”. Neste senso, monseñor Barrio dixo que o cristianismo “nos ofrece unha visión transformadora do mundo”.

Ao finalizar a súa homilía, monseñor Barrio indicou que poñía “sobre ou Altar, co Patrocinio do Apóstolo, a vosa ofrenda, Excmo. Sr. Delegado Rexio, tendo en conta as intencións das Súas Maxestades e da Familia Real, dos nosos gobernantes estatais, autonómicos e locais, das persoas e familias necesitadas espiritualmente e materialmente, e de todos os que formamos os distintos pobos de España, de xeito especial dos queridos fillos desta terra galega”.

O arcebispo tamén tivo palabras de recordo para “os cristiáns perseguidos; pediu oracións polo Sínodo Diocesano; e encomendou ao Apóstolo os pais de familia “a fin de que realicen a súa misión de coidar e educar os seus fillos en tranquilidade de espírito”.

 

Versión en castelán