Monseñor Barrio pide poñer as persoas no centro da actividade económica para facer fronte ao desemprego

  • Carta do arcebispo con motivo da XXVI Xornada Interparroquial de solidariedade cos Parados

Nunha carta con motivo da XXVI Xornada Interparroquial de solidariedade cos Parados, que se celebrará nos próximos días do mes de maio, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, avoga por situar a persoa no centro da actividade económica para facer fronte ao problema “grave e doloroso” do desemprego. O arcebispo indica que non é “fácil a solución a este problema pero certamente estariamos no camiño de atopala se fósemos capaces de poñer ás persoas no corazón, buscando que non prevalecese a especulación dos que só miran os seus propios intereses sen tomar conciencia do ben común”.

No texto, o arcebispo sinala que “é urxente responder as persoas e ás familias que están a padecer esta situación, impulsando o desenvolvemento persoal e espiritual, e facendo fronte ademais ás necesidades das mesmas. O camiño é a solidariedade e a inquietude humanista que deben tecer os fíos do tapiz da nosa sociedade”. Ademais, monseñor Barrio mostra a súa solidariedade con quen atravesa por tan dura situación. “Comparto os sentimentos de tantas familias cuxos membros están en paro e rezo por elas”, indica o arcebispo.

Ao mesmo tempo lembra que “a Doutrina Social da Igrexa lembra os principios  fundamentais de actuación como son: a dignidade inviolable da persoa humana, o destino universal dos bens da creación, a participación de todos na procura de ben común, e a solidariedade”.

 

Versión en castelán