Monseñor Barrio pide poñerse no lugar das persoas sen teito para sensibilizarse ante o fenómeno do “senhogarismo”

  • A xornada de reflexión ante esta emerxencia “social” de falta de acceso á vivenda realizarase o domingo día 27 de outubro

“Sempre poderemos facer algo co fin de que os que vagan sen sentido nas rúas das nosas cidades e dormen á intemperie, poidan ter un fogar ao que teñen dereito. Marcelo, un sen fogar, dicía hai uns días que non poderían quitarlle a esperanza”. Así se expresa o arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, nunha carta pastoral dedicada á xornada das persoas sen teito que se desenvolverá o vindeiro domingo día 27 de outubro. “Sería un bo exercicio”, indica o arcebispo, “para avivar a nosa sensibilidade, o intentar poñernos no lugar destas persoas. Alguén me comentou que un día, ofrecendo unha imaxe de farrapento, púxose a pedir nas rúas para comprobar o que significaba esta actitude. Foi todo un descubrimento doloroso non imaxinado”. Monseñor Barrio comenta que “temos que poñer cara ao senhogarismo e facer visibles estas persoas achegándonos a elas e recoñecernos nelas. Aceptar unha cultura social que exclúe e descarta non é humano”.

Na súa carta pastoral, o arcebispo lembra que “os que non teñen fogar son pobres aínda máis pobres, e cada unha destas persoas arrastra o peso dun problema diferente”, á vez que sinala que “é un doloroso signo dos nosos tempos o que máis de cen millóns de persoas se atopen nesa situación e que revela o fracaso da nosa sociedade”. Monseñor Barrio afirma que “nos atopamos ante unha emerxencia social que ha de levarnos a ser sensibles ao sufrimento que supón vivir sen fogar”. Ademais, asegura que “hai que dicir basta e non podemos habituarnos a pensar que sempre foi así, contribuíndo á degradación da dignidade da persoa. Outra forma de vivir é posible, aplicando políticas axeitadas que removan os obstáculos que impiden realizar e participar no ben común cunha vontade política concretada e unha responsabilidade colectiva de todos”.

A carta pastoral acaba indicando que a xornada do domingo 27 de outubro “conciencíanos de que todos temos que traballar na medida das nosas posibilidades para que as persoas sen fogar poidan telo. Non corramos o risco de quedar atrapados polos puros intereses económicos”.

Versión en castelán