Monseñor Barrio pon os Reis Magos como exemplo de procura de Deus

O arcebispo, monseñor Julián Barrio, presidiu este luns, día 6 de xaneiro, Solemnidade da Epifanía, a Eucaristía do Día dos Reis Magos na Igrexa compostelá de San Francisco. “A Epifanía”, dixo D. Julián, “é a manifestación do Neno Deus a toda a humanidade que esperaba a súa chegada. Deus comprometeuse co home, sen límites nin exclusións”.

Na mesma homilía, monseñor Barrio lembrou que “os Magos atopan a Aquel que transforma as tebras en luz, o escabroso en chairo, a Aquel que é a salvación do mundo e que nos fixo capaces de compartir a herdanza do pobo santo na luz” e convidou a todos a ver o ano que comeza como “un momento para recomezar o noso camiñar cara á plenitude que Deus nos convida a vivir con el, cambiando aquilo que nos impide recoñecer a manifestación de Deus no medio do seu pobo”.

O arcebispo indicou que “os Reis Magos buscan e póñense en camiño sen perder o tempo en calcular os riscos. “Nin saben por que pero van, que é o grande. Nin saben onde pero van, que é o bo. Nin saben a que pero van, que é o divino. É a nostalxia de Deus que toda persoa leva no profundo do corazón, convidándonos á fe nese Deus, feito home, feito carne, feito neno”.

“Despois de adorar o Neno Deus e ofrecerlle os seus agasallos, “retiráronse ao seu país por outro camiño”. Cando se atopou a Cristo, xa non se pode volver polo mesmo camiño polo que se veu a el. Hai que facer un camiño novo, buscar novos sinais, compartir o camiño, a procura e os posibles achados”, dixo.

Versión en castelán