O arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, presidiu este martes na Casa Diocesana de Exercicios a presentación do Plan Pastoral Diocesano 2017-2020, así como a inauguración formal da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral (EDAP). Trátase dunha iniciativa formativa xurdida tras a inquietude manifestada pola maioría dos grupos de reflexión sinodal da necesidade de coordinar todas as ricas e plurais experiencias formativas existentes na Igrexa local de Santiago, así como da necesidade de ir capacitando aos laicos que van colaborar máis estreitamente cos pastores nas futuras unidades pastorais.

Na presentación do plan, monseñor Barrio asegura que “como nos anos anteriores, pido a todos os diocesanos asumir o compromiso do Plan Pastoral Diocesano coa súa colaboración e dispoñibilidade tanto para os proxectos diocesanos como para as formulacións parroquiais. Estou seguro de que a súa posta en práctica axudará á edificación espiritual na nosa tarefa apostólica”.

O arcebispo pregúntase na presentación “que debemos facer” despois do Sínodo. E afirma que “a esta pregunta trata de responder o Plan pastoral para este curso, ofrecéndonos a clave con que habemos de interpretar o noso compromiso cristián a través do ministerio da Palabra, coidando a formación continua para a vida cristiá en expresión do Sínodo diocesano. É preciso fomentar un maior e mellor coñecemento da Sagrada Escritura como Palabra de Deus para anunciar a Xesucristo con obras e palabras na vida cotiá”.

No acto levado a cabo na Casa de Exercicios, presentouse a Escola Diocesana de Axentes de Pastoral, un acto que comezou cunha oración e finalizou cunha cerimonia de envío das persoas que van integrar os equipos formativos que traballarán nos 26 centros que comezarán a funcionar en breve nas vigairías de Santiago, A Coruña e Pontevedra. No acto, o bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González, indicou que a Escola ha de axudar os diocesanos a redescubrir a súa vocación bautismal, en especial os laicos. O arcebispo sinalou, pola súa banda, que o plan pastoral é como un GPS que nos axuda a resituar a nosa fe.

Versión en castelán