Monseñor Barrio presidirá este venres un acto de desagravio pola profanación na Capela Universitaria da USC

  • Un grupo de persoas forzou a entrada do recinto a pasada fin de semana e provocaron numerosas desfeitas materiais

As Delegacións de Pastoral Universitaria e Pastoral de Infancia e Mocidade informaron dun acto de profanación na Capela Universitaria da USC. Nun comunicado feito público hoxe, indican que “o pasado venres, 12 de xuño, pola tarde, un grupo de persoas forzou a  entrada á Capela Universitaria da USC, sita no Campus Sur de Santiago, detrás do Colexio Maior Fonseca. Dentro, realizaron numerosas desfeitas materiais, de valor non moi elevado, pero que indubidablemente supoñen un trastorno para a actividade normal da Capela. Con todo, o máis doloroso foi a profanación das Sagradas Formas, que se atopaban no sagrario. Os católicos sostemos que, unha vez consagrado, o pan eucarístico non é xa pan: é Xesús mesmo, real, verdadeira e substancialmente presente. Máis aló de calquera consideración económica, a dor que nos supón ver o noso Señor así, maltratado, é incalculable.

Por iso, e porque se trata de máis que de danos materiais, o arcebispo, monseñor Julián Barrio, acompañado dos mozos e da comunidade universitaria que semanalmente se reúnen na Capela, celebrará unha Eucaristía este venres, día 19, ás 20:30 en desagravio e reparación polo sucedido, orando e pedindo perdón por quen o cometeu e pedíndolle ao Señor por unha volta á normalidade.

Desde o primeiro momento, os servizos de seguridade do Campus alertaron á Delegación de Pastoral Universitaria do Arcebispado do que acontecera. Os feitos foron xa postos en coñecemento da Policía e realizáronse as probas oportunas. A USC, propietaria da Capela, puxo xa os medios necesarios para emendar os danos materiais, de modo que se poida retomar a actividade normal canto antes.

Versión en castelán