Monseñor Barrio propón a todos os sacerdotes un tempo de oración ante o Santísimo este venres, Día do Sagrado Corazón

  • O arcebispo pide que se faga ás oito da tarde, para avivar “a nosa espiritualidade sacerdotal”

Nunha carta pastoral aos sacerdotes con motivo da celebración do Sagrado Corazón, o arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, convida a todos eles a programar “un tempo de oración ante o Santísimo nas vosas parroquias ás oito da tarde do día 19, sentíndonos unidos como presbiterio diocesano”. Trátase de celebrar esta solemnidade lembrando, di monseñor Barrio, “que estamos chamados a ser pastores segundo o corazón de Cristo”. Hai que indicar, ademais, que para ese venres, día 19 de xuño, está previsto que o arcebispo presida un acto de reparación na capela universitaria do campus da USC, vítima dun acto de profanación. O arcebispo propón aos sacerdotes este encontro de oración nas parroquias, como unha forma de avivar “a nosa espiritualidade sacerdotal”, algo que como consecuencia da pandemia non se puido expresar nin na Misa Crismal nin na festa de san Xoán de Ávila.

Monseñor Barrio lembra como o papa Francisco alude ao 160 aniversario da morte do santo cura de Ars, e como ofrece “unhas claves para interpretar o ministerio sacerdotal, que nos poden axudar na nosa meditación”. Así, nesa solemnidade do Sagrado Corazón, Xornada de Santificación dos Sacerdotes, o arcebispo propón reflexionar sobre a gratitude, a misericordia, a compaixón, así como o manter un corazón sacerdotal vixiante e animoso. Na súa carta aos sacerdotes, o arcebispo pídelles que “consagremos o noso corazón ao corazón de Cristo configurándonos cos seus mesmos sentimentos” e que sexan persoas de oración e relación co Señor.

Versión en castelán