Monseñor Barrio lembra a importancia dos estudos teolóxicos e resalta a centralidade do seguimento de Cristo

  • Solemne inauguración do curso académico 2019/2020 no ITC e o ISCCR

O arcebispo, monseñor Julián Barrio, presidiu na tarde deste luns a inauguración oficial do curso académico no Instituto Teolóxico Compostelán (ITC) e no Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas (ISCCR). Os actos iniciáronse cunha Eucaristía na Capela do Seminario Maior Diocesano de San Martiño Pinario, á que asistiron seminaristas, profesores e alumnos dos centros formativos da Arquidiocese. “O rigor científico, a humildade e ou entusiasmo deben ser as características do ensino e aprendizaxe” dixo don Julián na súa homilíia, “lembrando como nos dixo Xesús que «se algún quere vir detrás de min, néguese a se mesmo, tome a súa cruz e sígame», en alusión á centralidade de Cristo nas institucións académicas, así como nas pastorais. O arcebispo convidou a seminaristas e alumnos a facer do estudo unha tarefa fundamental na súa formación e indicou que “o saber teolóxico é fundamental para que a Igrexa percorra o camiño do home no medio das súas expectativas e inquietudes. A investigación teolóxica deberá manterse aberta aos signos dos tempos, recollendo o que o Espírito di ás Igrexas”. Tras a Eucaristía, na aula Magna do ITC procedeuse á cerimonia de apertura formal do curso 2019/2020, cun saúdo do director do ITC, José Antonio Castro Lodeiro; a lectura da memoria correspondente ao curso anterior; e a lección inaugural que este ano correspondeu a Ricardo Vázquez Freire, quen falou sobre “San Xoán de Ávila e a reforma da Igrexa”.

Na homilía da Eucaristía celebrada este luns na capela do Seminario Maior, monseñor Julián Barrio destacou a importancia das institucións académicas diocesanas, das que dixo que “deben ser comunidades nutridas pola fe da Igrexa en adhesión incondicional ao Deus vivente que nos falou en Xesucristo”. O arcebispo resaltou que “os nosos centros de formación non poden pecharse en si mesmos, vivindo á marxe do discorrer da vida diocesana.  A Igrexa non debe afastarse do  camiño de Cristo nin polo temor nin polo afago e debe caracterizarse “polo testemuño da ledicia que agroma do encontro con Xesús e do anuncio do Evanxeo”. E asegurou que hai que orar desde toda a comunidade educativa e desde a diocese “polos non cristiáns pois Deus incluíunos no seu plan de salvación e temos que facer o que estea nas nosas posibilidades para que a igual dignidade de todos os homes, proclamada inequivocamente por Cristo, sexa recoñecida sempre”. Trátase, manifestou, de facer unha “pastoral de encontro”.

O arcebispo pediu aos alumnos que non se deixasen “levar pola mundanidade que nos afasta de Deus e nos instala nunha dobre vida”, destacando a centralidade de Cristo nos estudos teolóxicos, sen desprezar outros saberes. “Non quito importancia ás outras disciplinas”, asegurou, “pois a preocupación é facer florecer un humanismo cristián que dea sentido pleno á vida do home dos nosos días, que acosado pola sede de Deus busca a montaña do espírito no medio dunha paisaxe materialista e horizontalista e no que é débil a transmisión da fe. Como Bispo desta Igrexa que peregrina en Santiago, alégrome pola vosa presenza  e considero unha graza comezar este novo curso académico convosco ante o altar de Deus”.

Nese sentido, reclamou aos alumnos e seminaristas unir “a verdade coa caridade e ou entendemento co amor”.

Acto académico solemne

Tras a Eucaristía, na aula Magna do ITC procedeuse á cerimonia de apertura formal do curso 2019/2020, cun saúdo do director do ITC, José Antonio Castro Lodeiro; a lectura da memoria correspondente ao curso anterior; e a lección inaugural que este ano correspondeu a Ricardo Vázquez Freire, quen falou sobre “San Xoán de Ávila e a reforma da Igrexa”.

Castro Lodeiro na súa presentación do acto solemne académico trazou un paralelismo entre as antigas tabliñas sumerias de arxila cocida e as tablets dixitais, indicando que ambos os soportes de escritura e de transmisión de saberes expresaban a necesidade do home de achegarse á dimensión do misterio a través da aprendizaxe. O director do ITC comentou que o servizo das institucións docentes á Arquidiocese é, precisamente, axudar os alumnos para abrir os ollos á auténtica sabedoría, á experiencia de Deus.

Pola súa banda, o secretario do Instituto Teolóxico Compostelán, Miguel de la Mata, procedeu á lectura da memoria do curso anterior, destacando tanto os datos estatísticos de número de alumnos, como a celebración de actos académicos, presentacións de libros ou estado actual da Biblioteca, cuxos fondos se incrementaron con diversas doazóns.

Ricardo Vázquez, quen pronunciou a lección inaugural dedicada ao sentido reformista da misión de san Xoán de Ávila, fixo un percorrido sobre a vida e a obra do patrón do clero secular español, un auténtico mestre de espiritualidade e de mística. Ricardo Vázquez lembrou a persoal conversión do santo do século XVI, así como a importancia dos Memoriais que escribiu para o Concilio de Trento, nos que poñía de manifesto a necesidade dunha reforma interior, persoal, unha conversión, para realizar despois a reforma da Igrexa. Vázquez aludiu, igualmente, á importancia que  daba san Xoán de Ávila á formación dos sacerdotes e á súa aposta pola constitución dos seminarios como centros formativos do clero.

O arcebispo e presidente da Xunta Patronal do Instituto Teolóxico Compostelán, monseñor Julián Barrio, pechou o acto insistindo na necesaria complementariedade das institucións docentes e pastorais, que non deben mirarse a si mesmas, senón as unhas ás outras para que, dando razóns da nosa fe ecoe a esperanza. Tras lembrar que para afrontar calquera reforma na Igrexa é preciso partir, como o fixo san Xoán de Ávila, da conversión persoal e da escoita do que é verdadeiramente necesario, monseñor Barrio deu por inaugurado o curso académico.

Versión en castelán