Monseñor Barrio lembra que “Cristo crucificado” ensínanos a entender “a historia da nosa redención”

  • O arcebispo presidiu esta tarde a celebración da Paixón do Señor

A Liturxia do Venres Santo, dixo hoxe monseñor Julián Barrio, “convídanos a contemplar a Cristo crucificado para entender a historia da nosa redención”. “No Crucificado segue presente o Deus oculto. Coa súa imaxe desfigurada fundamenta a nosa esperanza: Deus está á beira dos que padecen a inxustiza, a exclusión ou a tortura. Tamén o home maltratado e humillado é imaxe de Deus”, comentou o arcebispo de Santiago na celebración da Paixón do Señor, unha cerimonia que retransmitiu TVG2 desde a Igrexa de San Frutuoso de Santiago. Na súa predicación sinalou que “Cristo sálvanos co seu amor e a súa obediencia. Mirando a Cristo na cruz non falta nada: Deuno todo”.

Monseñor Barrio engadiu que “o home segue sendo un ser doente que debe seguir coa súa cruz a Cristo, e axudar a levar as cruces dos demais: as dos migrantes, dos refuxiados, das maltratadas, dos enfermos, dos nenos aos que se lles rouba a inocencia, dos anciáns que viven a soidade, dos cristiáns perseguidos e dos desesperanzados”. “No “Ecce Homo”, explicou monseñor Barrio, “signo  do sufrimento do mundo e da humanidade, está presente Deus mesmo glorificando, coroando, dignificando e salvando o home. Xesús incorpora ao seu corpo todo o sufrimento para enxertalo na súa resurrección e facerlle xustiza amorosa, para sandalo e salvalo para darlle a razón e o sentido”. O arcebispo pediu non dar “as costas aos “Ecce homo” dos nosos días. Envolvamos a Cristo morto na saba branca do afecto para que un día nos vexamos envolvidos na saba da súa misericordia!”

Versión en castelán