Monseñor Barrio lembra que nos malos tratos á natureza quen máis sofre “son as persoas empobrecidas”

  • Pastoral do arcebispo ante a Campaña anual de Mans Unidas, que terá a súa xornada central este domingo en San Xosé de Milladoiro

“O lema para a campaña de Mans Unidas deste ano pode sorprendernos. Con todo temos que considerar que nos malos tratos á natureza quen máis sofre as consecuencias son as persoas empobrecidas. Son dous clamores que converxen, tanto o dos pobres como o dos malos tratos á terra pola cobiza e a avaricia con que ás veces actuamos”. Así comeza a Carta Pastoral que o arcebispo, monseñor Julián Barrio, dedica á Xornada de Mans Unidas contra a fame e a pobreza no mundo, que terá lugar o vindeiro domingo día 9 de febreiro e que a nivel diocesano se celebrará na parroquia de San Xosé de Milladoiro. Durante os doce meses que dure a Campaña, Mans Unidas vai centrala en denunciar as consecuencias que a deterioración ambiental ten sobre millóns de persoas, porque a crise climática ten, ante todo, un rostro humano: o de 821 millóns de persoas castigadas pola fame; o dos máis de 1.000 millóns de pobres; o de quen debe emigrar en busca dun sustento que a terra lles nega ou dos que enferman por mor da contaminación das augas e dos terreos. O lema é: “Quen máis sofre os malos tratos ao planeta, non es ti”

Na súa Carta Pastoral, o arcebispo compostelán afirma que “arroupados no noso confort pásanos desapercibida a situación de tantas persoas que viven nunhas condicións insalubres tanto en relación coa auga potable, como no aire contaminado e nos alimentos en malas condicións. Temos que escoitar o clamor dos empobrecidos que, como di o papa Francisco, “non teñen outras actividades financeiras nin outros recursos que lles permitan adaptarse aos impactos climáticos ou facer fronte a situacións catastróficas e dispoñen de pouco acceso a servizos sociais e a protección […] A falta de reaccións ante estes dramas dos nosos irmáns e irmás é un signo da perda daquel sentido de responsabilidade polos nosos semellantes sobre o cal se funda toda sociedade civil”.

Mans Unidas, a ONG católica, explica nos documentos de lanzamento da súa campaña anual que “a fame e a pobreza son dúas realidades moi relacionadas cos danos ambientais, cuxas pegadas máis graves son a contaminación, o cambio climático, o esgotamento dos recursos, a destrución de hábitats e ecosistemas, as inundacións e as secas extremas, a desertización e a deforestación.

Neste sentido, ademais dos labores de denuncia e sensibilización que leva a cabo no marco do seu traballo de educación para o desenvolvemento, Mans Unidas apoia proxectos que axudan ás comunidades para adaptarse aos cambios ambientais e climáticos e promove iniciativas destinadas a axudar ás cada vez máis numerosas persoas que se ven obrigadas a migrar, deixando atrás toda a súa vida, como consecuencia da crise climática.

O arcebispo de Santiago, pola súa banda, explica na súa Carta Pastoral que “se coidamos a natureza, estamos a combater a pobreza. Quen máis sofre as consecuencias da degradación ambiental son as persoas empobrecidas. É urxente traballar por unha sociedade máis xusta e por un mundo sostible. No medio da procura da rendibilidade dominante sementar gratuidade é cultivar humanidade”.

Ampla axenda de actos

Mans Unidas de Santiago programou unha ampla axenda de actos para a dar coñecer a súa 61 Campaña. Hoxe, luns, haberá unha visita á comarca da Maía, cunha Eucaristía ás 19:00 horas na Capela da Peregrina e unha charla a continuación. Mañá martes, o encontro será en Noia, cunha Misa en San Martiño, ás 19:00 horas, seguida de charla.

O mércores día 5, en Santiago, haberá unha mesa redonda nos locais de Afundación, na Rúa do Vilar, 19, sobre “Pobreza e cambio climático”, na que participarán Ismael Piñón López, misioneiro comboniano no Chad, e Germán Vargas Quellas, docente e investigador na Facultade de Ciencias da Educación.

Para o xoves está prevista outra visita dos responsables de Mans Unidas a Ribeira, con Eucaristía ás 19:00 en Santa Uxía e posterior charla na Casa Parroquial. Xa para o venres 7, Día do Xaxún Voluntario, hai previstas varias ceas solidarias da fame en distintas parroquias: Fontiñas, San Fernando, Santa Susana, O Pilar, Os Tilos, Ortoño.

O sábado día 8 haberá un encontro co grupo Scout Tau e unha celebración eucarística en Santa María dos Anxos, en Brión, ás 20:00 horas.

E o domingo día 9, Xornada Nacional de Mans Unidas, o acto central a nivel diocesano terá lugar na parroquia de San Xosé de Milladoiro, con catequese ás 11:30 horas e Santa Misa ás 12:30 horas. A colecta do sábado día 8 e do domingo día 9 en todas as igrexas irá destinada a Mans Unidas.

Versión en castelán