Monseñor Barrio lembra que a Adoración Eucarística non é evasión da realidade, senón manifestación da “solidariedade cos necesitados” ao facelos presentes na oración

  • O arcebispo inaugurou hoxe a primeira Capela de Adoración Eucarística Perpetua en Santiago, na Igrexa de San Fernando

Desde hoxe luns, día 20 de xaneiro, Santiago de Compostela súmase á nómina de cidades que en todo o mundo dispoñen dunha Capela de Adoración Eucarística Perpetua. Na Santa Misa que monseñor Julián Barrio presidiu no templo parroquial de San Fernando, o arcebispo indicou que “ao adorar non nos evadimos da realidade senón que manifestamos a solidariedade cos necesitados do mundo enteiro ao facelos presentes na oración. Sempre poderemos facer algo máis polos pobres lázaros da nosa contorna. É un medio precioso para avivar a nosa fe, esperanza e caridade, e a nosa capacidade de loanza e de oración universal”. O arcebispo compostelán agradeceu a posta en marcha desta iniciativa: “Moitas grazas a todos pola vosa presenza tan significativa neste atardecer cando cun só corazón e unha soa alma inauguramos a adoración perpetua na Cidade do Apóstolo”, dixo.

A capela de Adoración Perpetua alóxase na igrexa parroquial de San Fernando e quedou aberta tras a celebración da Eucaristía que presidiu monseñor Barrio. Antes de ser entronizado o Santísimo na cripta do templo do ensanche compostelán, houbo unha procesión polas rúas adxacentes. Ata o momento, na Arquidiocese só existía unha capela de Adoración Perpetua na cidade da Coruña, no convento das Bárbaras. En Santiago, o novo espazo de oración ao Santísimo súmase á Igrexa de Orfas e á Capela da Comuñón da Catedral, coa diferenza de que a adoración en San Fernando pódese facer a calquera hora do día ou da noite.

Na súa homilía, monseñor Barrio aludiu a santo Agostiño, cando “dicía que ninguén pode comungar sen antes adorar”. E lembrou que “os monxes de Cluny no ano mil cando ían comungar se descalzaban, sabendo que alí estaba a silva ardente, e que o misterio ante o cal Moisés se axeonllou estaba alí presente. As formas cambian pero debe permanecer o espírito. A adoración fai relixiosa a nosa vida. É necesario redescubrir o gozo da nosa pequenez ante Deus”.

“Glorificar a Deus”, engadiu o arcebispo, “e darlle grazas, reparar e interceder polos homes, manter a coherencia entre a fe e a vida: este é o estilo de vida do adorador contemplativo a quen todo o que afecta aos demais, atopa resonancia no seu corazón”.

Versión en castelán