Monseñor Barrio lembra que a vocación evanxelizadora da Igrexa implica “non só ter unha misión, senón ser unha misión”

  • Inaugurou as XX Xornadas de Teoloxía do ITC, que se celebran baixo o lema “Bautizados e enviados” con motivo do mes misioneiro extraordinario convocado polo papa Francisco
  • O presidente das Obras Misionais Pontificias e secretario da Congregación para a Evanxelización dos Pobos, Giovanni Pietro Dal Toso, lembra que os cristiáns teñen “unha vida que comunicar” e non “un produto que vender”

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, resaltou hoxe na inauguración das XX Xornadas de Teoloxía do ITC a vocación evanxelizadora da Igrexa e de todos os cristiáns, un compromiso que implica “non só ter unha misión, senón ser unha misión”, o que definiu como algo “tan inusual como fascinante”. Na apertura desta cita académica, organizada baixo o lema “Bautizados e enviados”, e dedicada ao Mes Misioneiro Extraordinario convocado polo papa Francisco, monseñor Barrio lembrou que “o papa Francisco, apoiado na doutrina do Vaticano II e dos seus antecesores San Paulo VI e San Xoán Paulo II, describe o ser cristián como “un estado de misión permanente”: estamos neste mundo para traer luz, para bendicir, para revivir, para establecer, para sandar, para liberar. A misión é como unha especie de antídoto á tristeza individualista e ao frío das portas pechadas”. Tamén participou Giovanni Pietro Dal Toso, presidente  de Obras Misionais Pontificias (OMP) Internacional e secretario da Congregación para a Evangelización dos Pobos, quen lembrou que os cristiáns teñen “unha vida que comunicar” e non “un produto que vender”.

Monseñor Barrio indicou, ademais, que “tendo en conta o que o papa Francisco chama “erosión da fe”, todo o mundo católico e en especial o primeiro mundo converteuse en terra de misión, como puxera de relevo na súa exhortación apostólica Evangelii Gaudium. O arcebispo lembrou, igualmente, que “unha igrexa que non se dirixe alegre e convincente a todos, perdeu a súa misión. Perdeu o seu porqué e para que. Non representa nada. Mingua en lugar de crecer. O cardeal W. Kasper lembrounos que a misión antes de ser un desafío pastoral é un desafío teolóxico e espiritual. A misión en moitas das nosas comunidades está nun impás de indiferenza, cansazo, ou mesmo aburrimento: “En efecto, na historia da Igrexa, este impulso misioneiro foi sempre signo de vitalidade, así como a súa diminución é signo dunha crise de fe”.

Monseñor Dal Toso, pola súa banda, no seu relatorio fixo un percorrido histórico pola tarefa misioneira da Igrexa desde principios do século XX aos nosos días. Dixo que o papa Francisco ao convocar o mes misioneiro extraordinario propúxoo como oportunidade para renovar “o compromiso misioneiro” da Igrexa. O secretario da Congregación para a Evanxelización dos Pobos indicou, ademais, que este mes extraordinario é tamén ocasión para renovar o “espírito evanxélico” das Obras Misionales Pontificias.

Explicou, igualmente, que é un compromiso de cada cristián, “renovarnos e converternos para ser discípulos misioneiros”, á vez que indicou que a Igrexa “ten unha vida que comunicar”, a de Xesucristo, e non “un produto que vender”. Monseñor Dal Toso lembrou que non hai unha dimensión misioneira na Igrexa, senón que esta constitúe propiamente “a súa propia esencia”. O responsable de OMP dixo, tamén, que neste momento histórico concreto son as diferentes igrexas locais, unidas á Igrexa universal, “as que se apoiarán para levar a mensaxe de Xesús ás periferias”.

O director do ITC, José Antonio Castro Lodeiro foi o encargado de presentar o desenvolvemento das xornadas. E fíxoo dunha forma peculiar, que concitou a atención de todos os asistentes. Utilizou un coñecido asistente intelixente de fogar baseado en voz e desenvolto por unha coñecida firma de comercio electrónico e servizos de computación na nube. Castro Lodeiro puxo en evidencia que se ao dispositivo se lle formulan as grandes preguntas e interrogantes do home, este asistente intelixente non ten respostas que ofrecer.

Versión en castelán