Monseñor Barrio lembra que as achegas dos fieis no Día da Igrexa Diocesana serven para atender os máis necesitados

  • Carta Pastoral do arcebispo na que indica que “como toda familia temos moitas necesidades, tamén económicas, que sacaremos adiante entre todos, coa colaboración xenerosa de cada un”

“Como toda familia temos moitas necesidades, tamén económicas, que sacaremos adiante entre todos, coa colaboración xenerosa de cada un, que vos agradezo de todo corazón. Convídovos a seguir colaborando humana e economicamente nas moitas tarefas e servizos que realizamos entre todos na Igrexa diocesana”. Así se expresa monseñor Julián Barrio, arcebispo de Santiago, nunha Carta Pastoral con motivo do Día da Igrexa Diocesana, que se celebrará o vindeiro domingo día 8 de novembro. O arcebispo indica no seu texto que celebrar esta xornada “é unha chamada á responsabilidade, a non sentirnos excluídos das tarefas que ten ante si a nosa familia diocesana”.

“Neste ano tan complicado que todos estamos a vivir”, sinala monseñor Barrio, “ten especial importancia para nós a celebración do Día da Igrexa Diocesana que, evidentemente, non podemos reducir a un día porque se trata máis dunha forma de vivir o noso pertencer á Igrexa que a celebración dunha xornada. É unha nova ocasión para tomar conciencia da nosa pertenza a esta Diocese compostelá, que vive en comuñón con toda a Igrexa universal, e para darnos conta de que todos os cristiáns formamos unha gran familia, na que a alegría dun membro é a alegría de todos e os sufrimentos do outro son os nosos sufrimentos”.

O arcebispo de Santiago explica, ademais, que neste Día da Igrexa Diocesana “lémbrasenos que somos unha gran familia, a familia dos fillos de Deus, que está aberta a todos, especialmente aos máis necesitados. Por iso, somos o que ti nos axudas a ser. Somos unha gran familia contigo. Co teu tempo, as túas calidades, o teu apoio económico e a túa oración, somos Igrexa”.

A Igrexa Diocesana de Santiago editou para esta ocasión unha publicación na que se recollen os datos esenciais da actividade pastoral e social. Na “nosa Igrexa en Santiago de Compostela”, lémbrase, por exemplo, que hai 501 sacerdotes; 1.071 parroquias; 19 seminaristas; 1.200 catequistas; 621 relixiosos e relixiosas; 5 diáconos permanentes; 159 monxes e monxas de clausura; 14 mosteiros e 136 misioneiros.

Tamén se informa sobre a práctica sacramental: 5.972 bautizos; 6.522 primeiras comuñóns; 3.108 confirmacións; ou 957 matrimonios. E lémbranse as cifras do orzamento diocesano do exercicio de 2019, cun total de 20,8 millóns de euros, dos que case o cincuenta por cento (49,14%) se dedica a accións pastorais, asistenciais e á retribución do clero.

Versión en castelán