Monseñor Barrio reúnese cos Medios de Comunicación

A Delegación Diocesana de Medios organizou onte, con motivo da Xornada Mundial das Comunicacións Sociais que se celebrará o vindeiro domingo 13 de Maio, un xantar de confraternización co Sr. Arcebispo D. Julián Barrio – acompañado polo seu bispo Auxiliar D. Jesús Fernández e destacados membros de distintos medios de comunicación da nosa comunidade autónoma.

O encontro tivo lugar na Hospedería de San Martín Pinario e tamén serviu para que Mons. Barrio agradecese persoalmente aos xornalistas o trato recibido durante os seus vinte e cinco anos como bispo na nosa diocese, primeiro como auxiliar e logo como titular da mesma.

Á comida acudiron máis de cincuenta profesionais de todos os ámbitos- prensa escrita, radio, televisión, axencias, medios dixitais, etc…- e contribuíu, sen dúbida, a fortalecer vínculos coa Delegación de medios da nosa diocese.

O Delegado de medios, D. Manuel Branco, agradeceu a todos a súa asistencia e o seu traballo de servizo á sociedade. En nome dos presentes, a xornalista Paula Paxaro de COPE entregou ao arcebispo unha figura de Sargadelos como obsequio nas súas Vodas de Prata episcopais, cun recoñecemento cargado de afecto polo bo carácter, a dispoñibilidade e a acollida que sempre dispensou aos profesionais da comunicación.

Ao termo do acto, D. Julián dirixiu unhas breves palabras coas que expresou o seu agradecemento á vez que reiteraba a clara opción pola transparencia, sinxeleza e proximidade, á vez que convidaba a que – seguindo o lema deste ano da Xornada ¨A verdade faravos libres” todos traballásemos nestes tempos de inmediatez da información pola procura da verdade.

 

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Versión en castelán