Monseñor Barrio: “Sen vida eucarística non pode haber senón aparencias de vida cristiá”

  • Celebración do Corpus Christi na catedral compostelá

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu este domingo a celebración litúrxica do Corpus Christi na catedral compostelá, unha Eucaristía que congregou a numerosas persoas. Pola mañá, monseñor Barrio presidira a celebración na cidade da Coruña. Na súa homilía, monseñor Barrio fixo unha reflexión sobre o sentido profundo da Eucaristía, sacramento do Corpo e o Sangue de Cristo. O arcebispo indicou que “sen vida eucarística non pode haber senón aparencias de vida cristiá. Compartir o pan da Eucaristía comprométenos a configurar a sociedade cumprindo a lei de Deus reflectida na lei natural e na recta razón, que mostra ao home o camiño para seguir para obrar o ben e alcanzar o seu fin”.

“Queridos nenos e nenas que facedes a Primeira Comuñón”, dixo monseñor Barrio, “Jesús na Eucaristía vén hoxe ao voso corazón. ¡Lembrade  sempre este día e o gozo con que vides recibilo por primeira vez! Participade con frecuencia na Eucaristía e agradecede esta presenza real e verdadeira de Jesús visitándolle no sagrario.

Cunha solemne celebración litúrxica a Igrexa en Santiago de Compostela celebrou este domingo a solemnidade de Corpus Christi. A catedral compostelá foi o escenario desta celebración, presidida polo arcebispo.

“A vida eucarística”, manifestou o arcebispo, “configura un estilo de vida que se manifesta na actitude de servizo, imitando a Jesús que lavou os pés aos seus discípulos, inclinouse ante os feridos no camiño da vida, escoitou e curou física e espiritualmente aos enfermos. Esta actitude leva vivir a comuñón fronte á exclusión, asumir a integración fronte á marxinación, e comprometerse solidariamente cos descartados da nosa sociedade”.

Ao termo da Eucaristía o Santísimo Sacramento foi exposto na custodia realizada no século XVI por Antonio de Arfe. Esta é unha oportunidade única de contemplar a arte deste taller de ourivaría, xa que a custodia da basílica compostelá é unha das mellores pezas do seu tipo de toda a Península Ibérica. Trátase dunha custodia monumental, destinada a expoñer o Santísimo Sacramento, que foi encargada polo Cabildo compostelán en 1539, en tempos do arcebispo Fonseca, ao taller valisoletano dos irmáns Juan e Antonio Arfe, artífices doutras custodias monumentais, entre as que destaca a da catedral de Toledo. Os estudiosos opinan que a peza compostelá serviu de modelo para posteriores deseños.

Ao acabar a procesión polo claustro da catedral, o arcebispo impartiu a bendición co Santísimo.

Versión en castelán