Monseñor Fernández abriu o Curso de Actualización Teolóxico-Pastoral cunha reflexión dedicada ao traballo coa mocidadeos

  • Iniciouse este martes o encontro dedicado á exhortación Christus vivit que se desenvolve no Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas

O bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González, inaugurou este martes o Curso de Actualización Teolóxico-Pastoral, que se desenvolverá ao longo dos catro martes de novembro baixo o título xenérico “Cristo, a nosa esperanza, vive e sempre está connosco”. Este ano as xornadas dedicaranse a analizar distintos aspectos da Chistus vivit, a última exhortación do papa Francisco, publicada este pasado 25 de marzo. O documento está dedicado, sobre todo, á mocidade tras a celebración da XV Asemblea Xeral Ordinaria dos bispos en outubro do ano pasado sobre “a mocidade, a fe e o discernimento vocacional”.

Como xa sucedeu o ano pasado, tamén nesta ocasión o encargado de inaugurar as xornadas foi o bispo auxiliar da arquidiocese compostelá. Mons. Jesús Fernández contextualizou o documento papal e expuxo os aspectos máis esenciais recollidos ao longo dos seus 299 números na relatorio Raíces, estrutura e significado da Exhortación apostólica Chistus Vivit.

Monseñor Fernández lembrou que esta exhortación do papa Francisco ten tamén as súas raíces na Evangelii Gaudium e na Gaudete et exultate. Explicou que a exhortación afonda na importancia da cultura e a súa relación coa tarefa pastoral, á vez que describe a realidade na que vive hoxe en día a mocidade, con ameazas do ambiente dixital, distintos abusos ou as migracións forzadas e forzosas que viven moitos mozos e mozas en distintos lugares do mundo.

A eses, e outros retos, a exhortación convida a mocidade a considerar a realidade de que Deus é amor, de que Cristo salva e de que Cristo vive. Monseñor Fernández aludiu, ademais, aos soños, inquedanzas, decisións e ganas de vivir e experimentar da mocidade, que necesita ser acompañados desde a iluminación da fe para que poidan darse procesos de maduración, fraternidade e compromiso desde a amizade entre os propios mozos/as.

O bispo auxiliar sinalou, igualmente, que na exhortación papal convídase a poñer en práctica unha pastoral xuvenil con flexibilidade, que permita a mocidade participar en eventos nos que existan espazos de oración, de escoita de testemuños ou de celebración. Trátase, manifestou monseñor Jesús Fernández González, de poñer en marcha unha pastoral do anuncio, sinodal, misioneira, popular, vocacional e de discernimento, que desemboque nunha pastoral espiritual e de procura da santidade.

Versión en castelán