Monseñor Fernández convida a vigairos e delegados a traballar en estreita colaboración cos laicos

O bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González, presidiu este luns na Casa Diocesana de Exercicios un encontro con vigairos e delegados diocesanos, no que lles presentou as grandes liñas mestras do curso pastoral que se iniciará nas próximas semanas. A reunión comezou cunha oración na Capela da Casa Diocesana de Exercicios e finalizou cun xantar, tras as reunións de traballo por grupos.

Na súa intervención, monseñor Fernández lembrou a Carta Pastoral escrita polo arcebispo, monseñor Julián Barrio, como prólogo ao novo curso pastoral, na que alude á importancia do papel corresponsable dos laicos na vida das parroquias e na acción caritativa e social, o eixo sobre o que xirará este curso pastoral. Nese texto, glosou o bispo auxiliar, o arcebispo compostelán indica que os laicos están chamados a dar un forte impulso á evanxelización.

O bispo auxiliar indicou que nesta tarefa en común de pastores e fieis búscase “rexenerar a comunidade” dando participación a todos os ministerios  e carismas. Monseñor Fernández sinalou que a Igrexa non se debe pecharse en si mesma, senón presentarse como unha comunidade misioneira, en unidade e en diversidade.

Esa pastoral ao servizo da caridade, manifestou monseñor Fernández, ten que atopar o seu apoio de actuación na colaboración de todos, superando divisións que frean a evanxelización e o testemuño. Momentos e acontecementos que terán que vivirse con ese espírito ao longo do curso pastoral serán, por exemplo, o mes misioneiro extraordinario, a preparación do Congreso Nacional de Apostolado Segrar ou o Sínodo da Mocidade.

Don Jesús convidou a todos a fortalecer a acollida de pobres e necesitados, con expresa referencia a Cáritas, e o acompañamento aos que sofren pola enfermidade ou o dó.

Versión en castelán