A Arquidiocese prepara un gran encontro festivo para familias en setembro

  • Monseñor Fernández presidiu este sábado un encontro do equipo de Pastoral Familiar

Este sábado día 25 de maio celebrouse na Casa Diocesana de Exercicios un encontro do equipo de Pastoral Familiar. Presidiu a reunión o bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González. Estaban presentes os responsables da Delegación de Pastoral Familiar, Felisa Mozo e Jesús Calzada, así como os matrimonios que representan no equipo ás tres vigairías territoriais: A Coruña, Santiago e Pontevedra, membros ademais de Equipos da nosa Señora e de Comunidade Caná.

No encontro, ademais de pasar revista ao curso que está a piques de acabar, avanzouse nos traballos de preparación dun gran encontro de familias que vai ter lugar en Santiago, no Seminario Menor, o próximo día 21 de setembro. Dirixido a noivos, parellas recentemente casadas, así como pais e nais de familia, os seus fillos, e os avós, a reunión terá como obxectivo principal festexar con gozo e alegría esta chamada e vocación ao amor humano que se concreta nas familias cristiás.

O equipo de Pastoral Familiar manterá a principios de xullo outra reunión para perfilar o desenvolvemento desa xornada, que contará coa presenza do arcebispo,  monseñor Julián Barrio, e á que están convidadas todas as familias.

Na sesión de traballo deste pasado sábado, os integrantes do equipo de Pastoral Familiar pasaron revista ao desenvolvemento dos tres itinerarios postos en marcha ao comezo deste curso pastoral: itinerario para noivos sen data concreta de voda, catequeses prematrimoniais e acompañamento de parellas recentemente casadas.

Algunha das propostas baralladas para seguir avanzando na Pastoral Familiar, neste compromiso da Igrexa por facer efectiva a Nova Evanxelización no ámbito familiar, suxería traballar en escolas de pais e en acompañamento a parellas en todo tipo de circunstancias.

Versión en castelán