“Necesitamos minorías creativas” e un “novo estilo pastoral”, di mons. Barrio en clausura da asemblea diocesana

  • O arcebispo asiste ao encontro desenvolvido no Seminario Menor, ao que acudiron unhas catrocentas persoas

Unhas catrocentas persoas participaron hoxe na asemblea diocesana de final de curso, unha cita que presidiu o arcebispo, monseñor Julián Barrio, e na que se pasou revista aos principais acontecementos deste pasado curso pastoral e deseñáronse as liñas estratéxicas do próximo. “Necesitamos minorías creativas”, dixo o arcebispo na súa mensaxe final de asemblea. Monseñor Barrio convidou a todos os asistentes a dar “a coñecer a beleza do Evanxeo” e a actuar en nome “da Igrexa diocesana”. O arcebispo animou aos presentes para traballar baixo “un novo estilo pastoral”, no que “non ides estar sós”. A asemblea diocesana congregouse no Seminario Menor de Belvís. Procedentes de numerosas parroquias, organizacións eclesiais e movementos apostólicos, os participantes reuníronse en grupos de vinte en vinte equipos de traballo para compartir as actuacións máis importantes levadas a cabo ao longo deste curso e propoñer, ademais, novas vías de actuación para o curso vindeiro.

A oración e un saúdo do arcebispo deron inicio aos traballos que este sábado congregaron no Seminario Menor de Belvís a uns catrocentos participantes, en clausura do curso pastoral. A asemblea final das actividades levadas a cabo polas parroquias e pola Escola Diocesana de Axentes de Pastoral (EDAP) foi, do mesmo xeito que outros anos, a reunión do arcebispo con todos os que participan dunha ou outra maneira no conxunto de actuacións da Arquidiocese compostelá.

Tras o inicio, houbo unha presentación do responsable de Ensino e Catequese, Luís Otero Outes, cóengo da catedral, na que falou das actitudes evanxelizadoras de Jesús, como modelo para a posta en práctica da pastoral diocesana.

Tras esta intervención, tomou a palabra o bispo auxiliar, responsable xeral da pastoral diocesana, monseñor Jesús Fernández, quen se referiu ás liñas mestras da programación diocesana para o curso 2018-2019. Entre os obxectivos están o coidado das celebracións litúrxicas, coa celebración digna dos sacramentos; a valoración xusta das raíces cristiás, coa renovación das manifestacións de piedade popular; activar o espírito de oración, abrindo espazos orantes nas comunidades; e o promover a comuñón e corresponsabilidade na Igrexa diocesana, dando impulso ás unidades pastorais, por exemplo.

Na súa intervención de clausura, tras o resumo en plenario do tratado nos vinte equipos de traballo, monseñor Barrio mostrou a súa satisfacción pola vivencia do recente Sínodo, “que xa se ve que tivo a súa razón de ser” e agradeceu a asistencia a esta cita. O arcebispo tamén se referiu ao labor desenvolvido pola Escola Diocesana de Axentes de Pastoral e asegurou preferir “unha diocese de discípulos a unha de catedráticos”, en referencia á importancia da formación impartida pola EDAP.

Versión en castelán