Nota pastoral dos Bispos da Provincia eclesiástica de Santiago de Compostela sobre a participación na Eucaristía dominical

Desde o inicio da crise sanitaria provocada pola pandemias COVID-19 e de acordo cos protocolos sanitarios establecidos polas autoridades, os Bispos de Galicia, pensando no maior ben e na tranquilidade de conciencia dos fieis, procedemos a dispensar da obrigación da asistencia a Misa os domingos e días de precepto[1], vivida desde sempre nesta gran familia que é a Igrexa católica.

Debido ao estado de alarma, durante estes últimos meses paralizáronse moitas das actividades pastorais habituais e mesmo houbo templos pechados. Nestas circunstancias, a nosa Igrexa intentou facerse presente a través do ministerio dos sacerdotes, de membros da vida consagrada e de laicos comprometidos nas tarefas eclesiais. Puidemos constatar con admiración e sorpresa como o enxeño creativo de moitos se reactivou e buscou os modos de que os fieis sentisen próxima a presenza e a solicitude da Igrexa, axudándoos a manter viva a esperanza e a piedade, de maneira especial a aqueles que viven en soidade e en situacións máis vulnerables. Utilizando en particular os medios telemáticos dispoñibles na actualidade, puxéronse ao dispor de todos materiais litúrxicos e catequéticos, que fixeron posible a vivencia do domingo no marco do fogar cristián.

Así, aínda que é certo que o noso pobo fiel ha vivido con desconcerto un inesperado xaxún eucarístico, podemos constatar que a dura experiencia que supuxo o confinamento social consecuencia da pandemia levounos a unha vivencia singular do día do Señor, non á súa supresión: fomos testemuñas dunha verdadeira peregrinación chea de fe do templo á casa, da igrexa parroquial á igrexa doméstica[2]. Non houbo un esquecemento do día do Señor, o dies Domini. As retransmisións televisivas, ou a través de internet, achegaron a todos os fogares as Eucaristías dominicais e festivas, incluso a Eucaristía diaria, así como acontecementos de especial transcendencia eclesial como as celebracións de Semana Santa e os actos presididos polo papa Francisco.

Na actualidade, grazas a Deus, foron xa levantadas as prohibicións que afectaban á nosa habitual mobilidade, aínda manténdose a esixencia de moitas cautelas. Por este motivo, parécenos necesario dirixirnos agora a vós para levantar tamén a dispensa antedita, de modo que todos, na medida das nosas posibilidades e cos coidados debidos, renovemos con alegría e esperanza o antiquísimo costume eclesial de participar na Misa dominical e festiva cunha presenza física e real, no seo das nosas comunidades de referencia.

A participación activa na Eucaristía dominical nunca foi para nós só un costume ou un sinxelo deber, senón a celebración da comuñón con Cristo e cos irmáns[3] (cf. LG 7), no día en que Cristo venceu á morte e nos fixo partícipes da súa vida inmortal. Cada celebración dominical, presididos polo sacerdote e convocados como Pobo de Deus ao redor da mesa do altar, as palabras de Xesús, “facede isto en memoria miña” (cf. Lc 22, 19; 1Cor 11, 24-25) foron sempre moito máis que un simple recordo ou unha repetición dos seus xestos e palabras. Foron e son unha verdadeira acción de grazas e loanza, presenza actual e viva de Cristo pola forza da súa Palabra e do seu Espírito, memorial de Cristo, da súa vida, da súa morte, da súa resurrección e da súa intercesión xunto ao Pai[4].

Agora, tras o tempo de confinamento, podemos valorar mellor a graza grande de vivir a Eucaristía en comunidade, sobre todo o domingo e os días de precepto; e experimentar a alegría de ser membros da gran familia da Igrexa católica, vivindo como irmáns, unidos sempre, pero sobre todo nas dificultades. A vivencia presencial da Eucaristía dominical ten unha importancia decisiva para a fe de cada un e fundamenta e confirma toda a práctica cristiá[5].

Celebrar cada domingo a Eucaristía na comunidade parroquial ou na comunidade de referencia da unidade pastoral sostén a nosa esperanza ante a vida e ante a morte, e fortalece o compromiso da caridade. Comulgar a Cristo, Pan de Vida, introdúcenos á máxima unión co Fillo de Deus e coa Igrexa e, polo tanto, cos nosos irmáns. Non se pode compartir o pan eucarístico sen compartir o pan cotián. Deste xeito, a vida enteira do crente vaise facendo expresión da entrega do Señor pola salvación de todos, especialmente daqueles que máis o necesitan.

De feito, durante as semanas máis duras do confinamento puidemos ver multitude de xestos de fraternidade nas parroquias cara ás persoas máis afectadas pola pandemia: o esforzo que se fixo e fai nos comedores de Cáritas, a repartición de alimentos nas parroquias, a preocupación polos enfermos e anciáns, a proximidade cara ás familias recluídas nas súas casas… e moitos outros que permaneceron e permanecen no anonimato. Para non esgotarnos nin rendernos no necesario esforzo que temos que facer ante as dramáticas consecuencias socio-económicas que se derivarán da crise sanitaria, os fieis cristiáns temos que alimentar o exercicio da caridade, especialmente na celebración dominical, porque a Eucaristía acende e arrastra os fieis á caridade de Cristo[6], e por si mesma convértese en escola de amor activo ao próximo[7], que impulsa a todo o que cre nel a facerse pan partido para os demais e, por tanto, a traballar por un mundo máis xusto e fraterno[8].

Así pois, participemos de novo na celebración do domingo, día do Señor, como o día en que a nosa fe se nutre co Pan da Palabra e da Vida: só así a nosa existencia como cristiáns será prolongación vital do amor de Deus derramado nos nosos corazóns co Espírito Santo que se nos deu (Rom 5,5).

A singular experiencia do confinamento foi, sen dúbida, unha invitación para deternos e a pensar no noso modo de vivir; e, en particular, unha ocasión para comprender mellor a importancia que ten para cada un a celebración do domingo. Agora é tempo de saír de novo, coas medidas sanitarias esixidas, e de celebrar xuntos a Santa Misa, con paz e alegría, con calidade litúrxica e calidez humana a Eucaristía dominical cos irmáns na fe, presididos polos nosos sacerdotes. Así, participando nas nosas comunidades e parroquias, poderemos afrontar os desafíos do noso tempo alentados polo Espírito do Resucitado sostidos polo gozo de celebrar presencialmente no templo o día do Señor, e pola comuñón nas riquezas de vida e de caridade que nos ofrece a Eucaristía.

Que Santa María, Nai de Deus e Nai nosa, e os nosos santos patróns, o Apóstolo Santiago, San Rosendo, San Martiño, San Froilán, San Telmo, protexan e amparen as nosas comunidades e parroquias, gárdennos unidos nas alegrías e nas adversidades, e sexan o noso auxilio para librarnos desta pandemia e de todo mal, para que nos nosos corazóns se conserven sempre a fe, a paz e o amor fraterno.

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2020.

 

+ Julián, Arcebispo de Santiago.

+ Luís, Bispo de Tui-Vigo.

+ Alfonso, Bispo de Lugo.

+ José Leonardo, Bispo de Ourense.

+Luís Anxo cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.

 

[1] Cf. Código de Dereito Canónico, cc 1247-1248; Catecismo da Igrexa católica, 217-2188, especialmente n. 2180-2183. Cf. Notas dos Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela, do 8 e do 13 de marzo de 2020.

[2] Cf. Vaticano II, Constitución Lumen Gentium, 11; Exhortación apostólica Familiaris consortio, 21c.

[3] Cf. Lumen Gentium, 7.

[4] Catecismo da Igrexa católica, 1341.

[5] Catecismo da Igrexa católica, 2181.

[6] Vaticano II, Sacrosanctum Concilium, 10.

[7] San Xoán Paulo II, Dominicae Cenae, 6.

[8] Bieito XVI, Sacramentum caritatis, 88.

 

 

Versión en castelán