O bispo auxiliar asistirá este sábado en Lourdes aos actos da XXV Xornada Mundial do Enfermo

O bispo auxiliar de Santiago de Compostela, monseñor Jesús Fernández, como bispo responsable da Pastoral da Saúde no seo da Conferencia Episcopal Española, asistirá este próximo sábado, día 11 de febreiro, en Lourdes aos actos previstos para a XXV Xornada Mundial do Enfermo, que se desenvolverán no santuario mariano francés. Segundo lembrou Radio Vaticana, tras a presentación desta xornada, “O asombro ante as obras que Deus realiza: O Poderoso fixo obras grandes por min”, é o lema escollido para este ano. Na presentación desta xornada realizada o pasado luns no Vaticano, tamén se fixo pública a Nova Carta dos Axentes Sanitarios.

Na presentación interviñeron Mons. Jean-Marie Mate Musivi Mupendawatu, Secretario do Dicasterio para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral, Alessandro de Franciscis, Presidente do  Bureau das Constatations Médicales de Lourdes e da  Association Médicale Internationale de Lourdes (AMIL) e o profesor Antonio Gioacchino Spagnolo, catedrático de Bioética e director do Institute of Bioethics and Medical Humanities na  Facultade de Medicina  e Cirurxía da Università Cattolica do Sacro Cuore dei Roma.

Así mesmo, estaba prevista a participación do Cardeal Peter Turkson, Prefecto do Dicasterio para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral, pero debido a unha indisposición do purpurado foi lida a súa intervención por Mons. Mupendawatu, explicando que a Xornada Mundial do Enfermo foi instituida por san Xoán Paulo II en 1992 e que, neste vinte e cinco aniversario, celebrarase de forma extraordinaria por vontade do Papa Francisco. Así, entre as numerosas personalidades que acudirán o 11 de febreiro a Lourdes, estará o Cardeal Secretario de Estado, Pietro Parolin, como legado pontificio que celebrará a Santa Misa solemne no aniversario da primeira aparición da Virxe a Bernadette Soubirous.

O Cardeal lembrou tamén o recentemente falecido Arcebispo Zygmunt Zimowski, Presidente do entón Pontificio Consello para a Pastoral da Saúde, a quen se debe a Nova Carta para os Axentes Sanitarios, que revisa e actualiza o vademécum teolóxico – moral – médico nado da intuición do primeiro presidente dese consello, o Cardeal Fiorenzo Angelini, traducido a 19 idiomas e durante vinte anos texto básico para os axentes sanitarios.

A continuación Mons. Musivi Mupendawatu, subliñou que a Mensaxe do Santo Padre para esta XXV edición cuxo lema é “O asombro ante as obras que Deus realiza: «O Poderoso fixo obras grandes por min (Lc 1,49)”, convídanos a imitar “o camiño seguido por santa Bernadette ata contemplar en María, á Inmaculada, e despois a súa vida de silencio e meditación”. E referíndose á Nova Carta para os axentes sanitarios afirmou que “desde o punto de vista doctrinal reafirma a sacralidade da vida e a súa indispoñibilidade en canto don de Deus”.

Os actos que se desenvolverán no santuario de Lourdes, nos que estará presente monseñor Jesús Fernández González, estarán presididos polo Secretario de Estado Vaticano, cardeal Pietro Parolín, como delegado do Papa para a ocasión, a quen o papa Francisco escribiu unha carta para esta celebración.

Na carta escrita en latín, o Papa saúda os enfermos de todo o mundo, expresando a súa proximidade de corazón a cuantos viven no medio do sufrimento. “Está ben coidar integralmente a persoa”, afirma o Santo Padre, “por tanto nunca hai que perder de vista a alma, a mente e o corpo”. Citando o Libro da Sabedoría, Francisco lembra que Deus creou todo para a existencia: “Non creou a morte nin o mal, e non goza coa destrución dos vivos”.

Posteriormente, citando o Libro do Eclesiástico, o pontífice sinala que Deus “deu aos homes a ciencia para que puidesen gloriarse das súas marabillas”. Ao mesmo tempo os pastores, os médicos e os propios enfermos están chamados a orar ao Señor para que El os conduza a aliviar a enfermidade e a recuperarse.

Por último, convida os fieis a invocar con constancia a intercesión da Benaventurada Virxe María, Saúde dos enfermos, para que obteña do Fillo, grazas abundantes, especialmente a paciencia na tribulación, a confianza en Deus, a gratitude polos bens recibidos e un gran amor cara a todos. E isto, imitando a fe de Pedro que, aínda cando non comprendía a Xesús, podía dicir: “Señor, a quen iremos? Ti tes palabras de vida eterna”. (Xn 6, 68).

A mensaxe do papa Francisco para esta Xornada é a seguinte:

MENSAXE DO SANTO PADRE FRANCISCO PARA A XXV XORNADA MUNDIAL DO ENFERMO 2017

O asombro ante as obras que Deus realiza:
«O Poderoso fixo obras grandes por min…» (Lc 1,49)

Queridos irmáns e irmás:

O próximo 11 de febreiro celebrarase en toda a Igrexa e, especialmente, en Lourdes, a XXV Xornada Mundial do Enfermo, co tema: O asombro ante as obras que Deus realiza: «O Poderoso fixo obras grandes por min…» (Lc 1,49). Esta Xornada, instituída polo meu predecesor san Xoán Paulo II, en 1992, e celebrada por primeira vez precisamente en Lourdes o 11 de febreiro de 1993, constitúe unha ocasión para prestar especial atención á situación dos enfermos e de todos os que sofren en xeral; e, ao mesmo tempo, é unha chamada dirixida aos que se entregan no seu favor, comezando polos seus familiares, os axentes sanitarios e voluntarios, para que dean grazas pola vocación que o Señor lles deu de acompañar os irmáns enfermos. Ademais, esta celebración renova na Igrexa a forza espiritual para realizar da mellor maneira posible esa parte esencial da súa misión que inclúe o servizo aos últimos, aos enfermos, aos que sofren, aos excluídos e marxinados (cf. Xoán Paulo II, Motu proprio Dolentium hominum, 11 febreiro 1985, 1). Os encontros de oración, as liturxias eucarísticas e a unción dos enfermos, a convivencia cos enfermos e as reflexións sobre temas de bioética e teolóxico-pastorais que se celebrarán naqueles días en Lourdes, darán unha achega nova e importante a ese servizo.

Situándome xa desde agora espiritualmente xunto á Gruta de Massabielle, ante a imaxe da Virxe Inmaculada, na que o Poderoso fixo obras grandes para a redención da humanidade, desexo expresar a miña proximidade a todos vós, irmáns e irmás, que vivides a experiencia do sufrimento, e ás vosas familias; así como o meu agradecemento a todos os que, segundo as súas distintas ocupacións e en todos os centros de saúde repartidos por todo o mundo, traballan con competencia, responsabilidade e dedicación para o voso alivio, a vosa saúde e o voso benestar diario. Gustaríame animar a todos os enfermos, ás persoas que sofren, aos médicos, enfermeiras, familiares e aos voluntarios a que vexan en María, Saúde dos enfermos, a aquela que é para todos os seres humanos garante da tenrura do amor de Deus e modelo de abandono á súa vontade; e a que sempre atopen na fe, alimentada pola Palabra e os Sacramentos, a forza para amar a Deus e aos irmáns na experiencia tamén da enfermidade.

Como santa Bernadette estamos baixo a mirada de María. A humilde mociña de Lourdes conta que a Virxe, á que chamaba «a fermosa Señora», a miraba como se mira a unha persoa. Estas sinxelas palabras describen a plenitude dunha relación. Bernadette, pobre, analfabeta e enferma, séntese mirada por María como persoa. A fermosa Señora fálalle con gran respecto, sen mágoa. Isto lémbranos que cada paciente é e será sempre un ser humano, e debe ser tratado en consecuencia. Os enfermos, como as persoas que teñen unha discapacidade mesmo moi grave, teñen unha dignidade inalienable e unha misión na vida e nunca se converten en simples obxectos, aínda que ás veces poidan parecer meramente pasivos, pero en realidade nunca é así.

Bernadette, despois de estar na Gruta e grazas á oración, transforma a súa fraxilidade en apoio para os demais, grazas ao amor faise capaz de enriquecer o seu próximo e, sobre todo, de ofrecer a súa vida pola salvación da humanidade. O feito de que a fermosa Señora lle pida que rece polos pecadores, lémbranos que os enfermos, os que sofren, non só levan consigo o desexo de curarse, senón tamén o de vivir a propia vida de modo cristián, chegando a dala como verdadeiros discípulos misioneiros de Cristo. A Bernadette, María deulle a vocación de servir aos enfermos e chamouna para que se fixese Irmá da Caridade, unha misión que ela cumpriu dunha maneira tan alta que se converteu nun modelo para todos os axentes sanitarios. Pidamos pois á Inmaculada Concepción a graza de saber sempre ver ao enfermo como a unha persoa que, certamente, necesita axuda, ás veces mesmo para as cousas máis básicas, pero que tamén leva consigo un don que compartir cos demais.

A mirada de María, Consoladora dos afligidos, ilumina o rostro da Igrexa no seu compromiso diario en favor dos necesitados e os que sofren. Os froitos marabillosos desta solicitude da Igrexa cara ao mundo do sufrimento e a enfermidade son motivo de agradecemento ao Señor Xesús, que se fixo solidario connosco, en obediencia á vontade do Pai e ata a morte na cruz, para que a humanidade fose redimida. A solidariedade de Cristo, Fillo de Deus nado de María, é a expresión da omnipotencia misericordiosa de Deus que se manifesta nas nosas vidas ―especialmente cando é fráxil, ferida, humillada, marxinada, sufrinte―, infundindo nela a forza da esperanza que nos axuda a levantarnos e nos sostén.

Tanta riqueza de humanidade e de fe non debe perderse, senón que nos ha de axudar a facer fronte ás nosas debilidades humanas e, ao mesmo tempo, aos retos actuais no ámbito sanitario e tecnolóxico. Na Xornada Mundial do Enfermo podemos atopar unha nova motivación para colaborar na difusión dunha cultura respectuosa da vida, a saúde e o medio ambiente; un novo impulso para loitar en favor do respecto da integridade e dignidade das persoas, mesmo a través dun enfoque correcto das cuestións de bioética, a protección dos máis débiles e o coidado do medio ambiente.

Con motivo da XXV Xornada Mundial do Enfermo, renovo, coa miña oración e o meu alento, a miña proximidade aos médicos, aos enfermeiros/as aos voluntarios/as e a todos os consagrados e consagradas que se dedican a servir aos enfermos e necesitados; ás institucións eclesiais e civís que traballan neste ámbito; e ás familias que coidan con amor aos seus familiares enfermos. Desexo que todos sexan sempre signos gozosos da presenza e o amor de Deus, imitando o testemuño resplandecente de tantos amigos e amigas de Deus, entre os que menciono a san Xoán de Deus e a san Camilo de Lelis, patróns dos hospitais e dos axentes sanitarios, e á santa Madre Tareixa de Calcuta, misioneira da tenrura de Deus.

Irmáns e irmás, enfermos, axentes sanitarios e voluntarios, elevemos xuntos a nosa oración a María, para que a súa materna intercesión sosteña e acompañe a nosa fe e nos obteña de Cristo, o seu Fillo, a esperanza no camiño da curación e da saúde, o sentido da fraternidade e da responsabilidade, o compromiso co desenvolvemento humano integral e a alegría da gratitude cada vez que nos sorprenda coa súa fidelidade e a súa misericordia.

María, Nai nosa,

que en Cristo nos acolles como fillos,

fortalece nos nosos corazóns a espera confiada,

auxílianos nas nosas enfermidades e sufrimentos,

guíanos ata Cristo, fillo teu e irmán noso,

e axúdanos a encomendarnos ao Pai que realiza obras grandes.

Asegúrovos o meu constante recordo na oración e impártovos de corazón a Bendición Apostólica.

8 de decembro de 2016, Festa da Inmaculada Concepción

Francisco

 

Versión en castelán