Octavario de Oración pola Unidade dos Cristiáns 2020

“Tratáronnos cunha solicitude pouco común” (Hech 28,2)

Queridos diocesanos:

Sempre temos que rezar pola unidade dos cristiáns. Esta é a invitación que nos fai a Igrexa ao celebrar o Octavario de Oración que se celebra desde o 18 ao 25 de xaneiro. Este ano foron os cristiáns de Malta e de Gozo os que prepararon os materiais para as celebracións destas xornadas. Alí ten lugar a festa do Naufraxio de san Paulo que providencialmente posibilitou a chegada da fe cristiá a esas illas.

Providencia de Deus e solicitude humana

Nos Feitos dos Apóstolos, despois do naufraxio que padeceron Paulo e outros prisioneiros na viaxe cara a Roma, nárrasenos que “unha vez a salvo, soubemos que a illa se chamaba Malta. Os naturais mostráronnos unha hospitalidade pouco común, pois acendendo unha fogueira por mor da choiva que caía e do frío, acolléronnos a todos nós” (Feit 28,1-2). Esta é a pasaxe bíblica que se pon á nosa consideración, subliñando dous aspectos que son substanciais e significativos no dinamismo da peregrinación ecuménica. Por unha banda a providencia de Deus tan presente na historia da Igrexa e consiguintemente no discorrer temporal da mesma. Pola outra a hospitalidade con que temos que percorrer ese camiño xuntos para chegar á unidade de todos os cristiáns.

Na nosa diocese estamos a preparar xa a celebración do Ano Santo Compostelán 2021. Na acollida dos moitos peregrinos que chegan a Santiago percibimos que algúns son doutras relixións, ou que sendo cristiáns non son católicos. O lema deste Octavario lémbranos que temos que acollelos con toda solicitude, ofrecéndolles a nosa hospitalidade material e espiritual.

Animar unha cultura de encontro 

Non poucas veces lamentamos os nosos incumprimentos en relación a ese proceso de facer realidade a unidade dos cristiáns. Temos que avivar a esperanza, sabendo que chegará o momento en que nos reuniremos como irmáns reconciliados aos que Deus Pai sae ao encontro. Esta inquietude hanos de manter perseverantes na oración pola Unidade, atentos ás chamadas do Señor e convencidos da súa providencia misericordiosa: “Guiaches con misericordia o teu pobo rescatado; leváchelos co teu poder ata a túa santa morada” (Ex 15,13).

Un dos referentes máis repetidos no camiño ecuménico é a oración de Xesús na última Cea: “Non só por eles rogo, senón tamén polos que crean en min pola palabra deles, para que todos sexan un, coma ti, Pai, en min, e eu en ti, que eles tamén sexan un en nós para que o mundo crea que ti me enviaches” (Xn 17,20-21). Con estes sentimentos oramos dando grazas polos dons recibidos en favor da Unidade dos cristiáns, pero tamén pedindo avanzar nese ecumenismo espiritual que, uníndonos na oración con aqueles dos que estamos distantes, nos fai camiñar por vías distintas pero cara a un Oriente común que é Cristo resucitado. Esta esperanza guíanos no noso peregrinar sosegado unhas veces e impaciente outras no compromiso ecuménico.

Exhortación

Sigamos dando pasos cun espírito misioneiro no camiñar da fe das nosas comunidades e igrexas. Fagámolo coa conciencia de que peregrinamos nun camiño que vén de Deus, e a Deus leva, acompañados por Cristo, a quen, como peregrino ao noso lado, atopamos como os discípulos de Emaús, resucitado de entre os mortos. A El, o Año que nos chama a reconciliarnos, dirixímonos deixando atrás medos e derrotismos e sentándonos xuntos a compartir a cea cando a tarde das nosas dúbidas, medos e inquietudes está a caer.

Na festa do Bautismo do Señor, saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

Versión en castelán