Octavario de oración pola unidade dos cristiáns 2018

“Foi a túa destra quen o fixo, Señor, resplandecente de poder” (Ex 15, 6)[1]

Queridos diocesanos:

Sempre, pero de maneira especial no Octavario de oración pola unidade dos cristiáns, desde o 18 ao 25 de xaneiro neste ano 2018, a Igrexa convócanos a intensificar a nosa oración para avanzar cara á plena unidade da Igrexa querida por Cristo. Os textos elaborados por un equipo internacional do Consello Pontificio para a promoción da unidade dos cristiáns e da Comisión Fe e Constitución do Consello Mundial de Igrexas, xunto cun equipo ecuménico formado polos responsables da Conferencia de Igrexas do Caribe e a Conferencia Episcopal das Antillas pódennos axudar neste propósito.

A experiencia histórica e cristiá desta Rexión do Caribe, marcada polos forzados desprazamentos dos seus habitantes, a escravitude dos seus pobos e os procesos de liberación animados pola acollida da Boa Nova do Señor, motivoulles a elixir para este octavario de Oración pola Unidade este lema: “Foi a túa destra quen o fixo, Señor, resplandecente de poder” (Éxodo 15, 1-21). Neste canto bíblico Moisés dá grazas a Deus pola súa intervención na saída liberadora de Exipto cara á terra prometida. Na mensaxe deste capítulo 15 do Éxodo reflíctese que “o camiño cara á unidade ten que pasar moitas veces a través dunha experiencia compartida de sufrimento. A liberación dos israelitas da escravitude é o acontecemento fundacional que os constitúe como pobo. Para os cristiáns este proceso chega ao seu culmen coa encarnación e o misterio pascual. Aínda que a liberación/salvación é iniciativa de Deus, Deus asocia a axentes humanos á realización do seu propósito e plan de redención do seu pobo. Os cristiáns, grazas ao seu bautismo, comparten o ministerio de reconciliación de Deus, pero as nosas divisións obstaculizan o noso testemuño e a nosa misión nun mundo que necesita da salvación de Deus”[2].

Unha chamada á conversión

Os pasos para dar márcanolos o papa Francisco, dicindo que Cristo nos chama á conversión, a deixar que o seu Espírito cambie os nosos corazóns e a nosa mirada para ser samaritanos dos feridos e marxinados nos camiños da vida, e a recoñecer con gratitude os dons xa compartidos entre os cristiáns, como se puxo de manifesto de modo especial nos diversos eventos da Conmemoración ecuménica dos 500 anos da Reforma. “Máis aló das diferenzas que aínda nos separan, recoñezamos con alegría, que na orixe da vida cristiá hai sempre unha chamada, cuxo autor é Deus mesmo. Podemos avanzar no camiño cara á plena comuñón visible entre os cristiáns non só cando nos achegamos os uns aos outros, senón sobre todo na medida en que nos convertemos ao Señor, que pola súa graza nos elixe e nos chama a ser os seus discípulos. E converterse significa deixar que o Señor viva e traballe en nós. Por este motivo, cando os cristiáns de diferentes Igrexas escoitan xuntos a Palabra de Deus e tratan de poñela en práctica, realizan pasos verdadeiramente importantes cara á unidade”[3].

Unha misión para realizar

O noso compromiso ecuménico é unha misión que se nos confiou. Cristo Xesús encomendounos comunicar a Boa Nova de salvación a todo o mundo (Mt 28, 19-20), e o noso testemuño contribuirá a facer crible este anuncio (Xn 17, 20). A unidade que o Espírito fomenta na Igrexa é inseparable da misión e esta actualízase no hoxe histórico ao estilo de Xesús (Lc 4, 17-21). Neste sentido advirte o Papa: “E non só a chamada nos une; tamén compartimos a mesma misión: anunciar a todos as obras marabillosas de Deus… Non podemos deixar de anunciar o amor misericordioso que nos conquistou e transformou. Mentres estamos en camiño cara á plena comuñón entre nós, xa podemos desenvolver múltiples formas de colaboración, traballar xuntos para favorecer a difusión do Evanxeo. E camiñando e traballando xuntos, dámonos conta de que xa estamos unidos no nome do Señor. A unidade faise no camiño”[4]. Esta unidade ha de reflectirse na nosa esixencia caritativa cos pobres, marxinados e aqueles que non contan na nosa sociedade. Así o temos que vivir na nosa Igrexa compostelá que ha de estar sempre próxima ás persoas calquera que sexan as circunstancias en que se atopen. Lembremos que san Xoán da Cruz escribía que no amar está o noso exercicio.

Exhortación final

A providencia de Deus na Igrexa é o que nos motiva a vivir responsablemente a nosa misión. “Cunha mirada cara ao futuro, comprometémonos a continuar o noso camiño común, guiados polo Espírito de Deus, cara á maior unidade de acordo á vontade do noso Señor Xesús Cristo”[5]. Entre tanto, no medio de tantas lamentacións que levamos dentro polos nosos incumprimentos en relación aos nosos irmáns, é xusto que pensemos que chegará o momento en que nos reuniremos como irmáns reconciliados. Perseveremos na oración pola unidade, atentos ás chamadas do Señor e convencidos da súa providencia: “Ti guiaches con amor o pobo rescatado, coa túa forza leváchelo onda a túa sagrada morada” (Ex 15, 13).

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela

[1] Tradución Interconfesional da Biblia.

[2] Así o explican os compoñentes do grupo que prepararon esta celebración ecuménica.

[3] Papa Francisco, Homilía na Basílica de san Paulo o 25 de xaneiro de 2016.

[4] Ibid.

[5] Declaración conxunta da Federación Luterana Mundial e o Pontificio Consello para a Promoción da Unidade dos Cristiáns ao final do ano de conmemoración común da Reforma, o 31 de outubro de 2017.

Versión en castelán