Pastoral co gallo da vinda das reliquias de Santa Bernadette

Queridos Diocesanos:

Os días 13 e 14 de setembro teremos entre nós as reliquias de Santa Bernadette Soubirous nas parroquias de San Xurxo da Coruña, San Fernando de Santiago, Santa María de Lestedo e Santa María a Maior de Pontevedra. É un acontecemento singular e de transcendencia para a vida diocesana, uníndonos tamén para glorificar e venerar á Virxe María, baixo a advocación da nosa Señora de Lurdes.

As reliquias dos santos son signos pobres e fráxiles do que foron os seus corpos, cos que pensaron, actuaron, rezaron, sufriron e experimentaron a morte. Destes signos sérvese Deus para manifestar a súa presenza e facer brillar a súa poder e a súa gloria, xa que El é quen actúa por medio deles. Así podemos dicir: “Bendito sexas, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles agachaches estas cousas aos sabios e prudentes, e llas revelaches á xente humilde” (Lc 10,21). O Espírito Santo repousa invisiblemente nos restos dos que morreron en graza de Deus, ata que apareza visiblemente na resurrección. Isto é o que fai ás reliquias dos santos dignas de veneración. A súa mensaxe é de amor e de invencible esperanza, e abre horizontes, para que a semente da Palabra de Deus atope unha terra propicia. É un eco fiel e sereno do Evanxeo.

Trazos da vida de Santa Bernadette

María Bernadette Soubirous foi relixiosa da Caridade. Antes das aparicións, a súa vida estivo marcada por non poucas penalidades, dentro dunha familia pobre, á que lle tocou peregrinar dun lado a outro por motivos laborais, e afrontar desdichas ao non contar coa formación adecuada. Desde o 11 de febreiro ata o 16 de xullo de 1858, na gruta de Massabielle, a Virxe María “acode a Bernadette, faina a súa confidente, colaboradora, instrumento da súa materna tenrura e da misericordiosa omnipotencia do seu Fillo, para restaurar o mundo en Cristo cunha nova e incomparable efusión de Redención” (Pío XII). Penitencia por ela mesma e pola conversión dos pecadores é a mensaxe das aparicións. As xentes vanse agregando en cada aparición en maior número. Veñen os milagres. A Virxe preséntase: “Son a Inmaculada Concepción”, e quere que se faga unha capela, sendo luz na noite do paganismo.

Bernadette á hora de orientar a súa vocación pensara no Carmelo de Bagñeres, pero a súa feble saúde non llo permite. É aceptada para o noviciado nas relixiosas da Caridade. O 30 de outubro de 1867 fai a súa profesión. A súa saúde foi deteriorándose e morre o 16 de abril de 1879. O sentir unánime da xente foi dicir: “A santa morreu”. Será beatificada o 14 de xuño de 1925 por Pío XI e o 8 de decembro de 1933 será proclamada santa.

Os trazos da súa espiritualidade son a procura da santidade e unha gran prudencia na elección dos medios, como a devoción a Cristo Crucificado e o rezo do Rosario. Despois da trasparencia das aparicións e a volta á condición normal da fe, Bernadette presenta a figura dunha moza que escolle, por un impulso, a vida consagrada, na que opta pola oración. Nela conxúganse o realismo da rapariga do campo e a conciencia de que, por encima de todo, o que vale é a intelixencia das accións que debe cumprir. A súa é unha santidade cotiá, sen repregamentos sobre si mesma, sabedora das grazas de Deus que recibiu. Pobreza, oración e penitencia, caridade e Deus son as palabras que conforman a súa mensaxe. Eran as liñas fundamentais que animaban a súa vida.

Indulxencia plenaria

A Igrexa concede indulxencia plenaria con este motivo ás persoas que recen o Santo Rosario, adoren ao Santísimo Sacramento e participen na Eucaristía na igrexa en que van venerarse as reliquias, sendo necesarias as condicións habituais da confesión sacramental, a comuñón eucarística e a oración polas intencións do Papa.

Desexo e pido que este acontecemento providencial sexa unha ocasión de vivir unha experiencia relixiosa e espiritual que nos axude a acoller a salvación de Cristo, e madurar en ideais que favorezan un mundo máis humano e máis habitable, conforme ao proxecto do noso Señor Jesús.

Co meu afectuoso saúdo e bendición no Señor,

+Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

Versión en castelán