Pastoral da Saúde lembra que as capelanías dos hospitais seguen atendendo a quen o demanda

  • O Centro de Escoita San Camilo de Pontevedra, operativo telefonicamente e por email para acompañar no dó

O coronavirus modificou os nosos costumes e restrinxiu a nosa liberdade de movementos, un escenario ante o cal manter o contacto e a proximidade cos fieis supón todo un reto para a Igrexa que peregrina en Santiago de Compostela.

Moitas parroquias ante a situación que nos toca vivir, puxeron en marcha iniciativas encamiñadas a ofrecer apoio espiritual, atención e acompañamento a persoas enfermas e maiores. Por este motivo, os párrocos e os seus colaboradores, moitos deles membros da pastoral da saúde, esforzáronse en habilitar un teléfono de contacto, un correo electrónico ou un número de whatsapp que permita unha maior proximidade.

No ámbito sociosanitario, é de destacar a entrega e xenerosidade das ordes relixiosas que atenden con tanto agarimo a maiores e discapacitados.

No ámbito hospitalario, os capeláns teñen estes días unha importante misión no acompañamento e consolo a persoas ingresadas e aos profesionais da saúde para que se poidan desafogar ante situacións tan duras que lles toca vivir e atopar unha palabra que lles achegue Esperanza.

As capelas dos hospitais seguen abertas.  Seguindo as indicacións dos nosos Bispos non se celebra nestes momentos de forma pública a Eucaristía, pero é posible permanecer nelas facendo un momento de oración cumprindo unha serie de medidas: hixiene de mans, non tocar as imaxes e gardar unha distancia mínima de dous metros se se coincide con outra persoa.

En todos os hospitais o servizo relixioso funciona normalmente, aínda que os capeláns teñen limitacións para moverse libremente polos corredores e por determinadas unidades que foron bloqueadas por necesidades sanitarias. Por este motivo, se algunha persoa necesita atención relixiosa e espiritual debe contactar coa capellanía a través da central ou dos controis de enfermería do centro. No caso de que fose imprescindible, os capeláns poderían visitar o enfermo illado seguindo as indicacións do persoal de enfermería: bata, máscara, luvas, e lentes.

Os capeláns e o persoal sanitario advirten que “unha das cousas máis duras” é ver falecer persoas que non poden estar acompañadas polas súas familias por medo a posibles contagios. Trátase de situacións moi dolorosas para todos os seres queridos que sofren na distancia a perda de pais, avós, amigos…A dor intensifícase porque nin sequera poden velalas e os familiares tampouco poden recibir o abrazo de consolo da súa contorna por estar confinados en casa. Ante estas situacións que co paso do tempo serán cada vez máis visibles, lémbrase a existencia do Centro de Escoita San Camilo de Pontevedra co que se pode contactar a través do teléfono: 652385332 e polo correo electrónico: centrodeescuchapontevedra@gmail.com

Versión en castelán