Pastoral Familiar presentou os seus obxectivos deste curso nas tres Vigairías

Os delegados de Pastoral Familiar, Jesús Calzada e Felisa Mouzo, mantiveron esta pasada fin de semana tres reunións nas tres Vigairías da Coruña, Santiago e Pontevedra para informar os axentes de Pastoral Familiar da programación, os obxectivos e as actuacións desta delegación diocesana para o curso recentemente inaugurado.

Nos encontros abordáronse cuestións como o calendario ofrecido polas parroquias de cada vigairía para a realización de catequeses prematrimoniais; as novas ofertas de acompañamento a noivos, así como o acompañamento a parellas recentemente casadas. Nas reunións informouse tamén da tarefa levada a cabo polo equipo de apoio á Delegación de Pastoral Familiar; do desenvolvemento da xornada de setembro celebrada en Santiago baixo o rótulo da “alegría de ser familia”; e da participación nas sesións formativas da Escola Diocesana de Axentes de Pastoral (EDAP).

No marco da programación da pastoral diocesana para este curso, a Delegación de Pastoral Familiar aposta por reforzar o compromiso dos pais na educación cristiá dos seus fillos, como un elemento de evanxelización; pola formación dos pais que levan os seus fillos á preparación catequética para recibir a Primeira Comuñón; pola colaboración das familias na Pastoral da Saúde; por aumentar a comuñón no seo das parroquias; e por facer visible o compromiso que adquiren os noivos que van casar coa educación na fe dos seus fillos.

Versión en castelán