Por cada euro que recibe a Igrexa compostelá, a Diocese inviste na sociedade 1,52 euros e as súas actuacións contribúen a crear 5.132 postos de traballo no territorio

  • O arcebispo, monseñor Julián Barrio, presidiu a presentación do “Impacto socioeconómico da Diocese de Santiago de Compostela”, un traballo elaborado por expertos da USC
  • No estudo indícase que por cada euro que se gasta en accións pastorais ou asistenciais, a Iglesia afórralle á sociedade en termos de custo de mercado aproximadamente 1,5 euros
  • Por cada millón de euros que gastan os visitantes do patrimonio eclesiástico, xéranse na economía galega 23,8 postos de traballo

Por cada euro que recibe a Arquidiocese de Santiago de Compostela vía asignación tributaria ou achegas procedentes das Administracións Públicas, a Igrexa diocesana inviste na sociedade 1,52 euros. Como mínimo 5.132 postos de traballo entre directos, indirectos e inducidos é o impacto laboral das actuacións da Igrexa santiaguesa ou da actividade turística xerada no territorio que abarca a Arquidiocese. Estas son algunhas das conclusións que se conteñen no informe “Impacto socioeconómico da Diocese de Santiago de Compostela”, un traballo elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), coordinado por Xosé Antón Rodríguez González, e encargado polo Arcebispo compostelán. O traballo foi presentado hoxe en rolda de prensa nun acto que contou coa presenza do arcebispo, monseñor Julián Barrio. O estudo inclúe, ademais, os impactos derivados da acción da Igrexa nos meses de duración da pandemia do Covid 19.

O obxectivo deste estudo de impactos é servir de instrumento que axude a explicar e entender o papel que está a ter na actualidade a Arquidiocese compostelá no conxunto da sociedade á que pertence. Neste sentido cabe lembrar que a Arquidiocese comprende 78 concellos da provincia da Coruña, o que supón o 84% do total provincial; e outros 31 concellos da provincia de Pontevedra, que representan o 51% do total. A suma de todos eles representa o 35% do total de concellos galegos.

No estudo lémbrase que, segundo datos do Catastro (2020), a Arquidiocese é propietaria dun total de 6.847 bens, dos que o 51% son de carácter rústico e o resto urbano. Destes, practicamente a metade dedícanse a usos relixiosos, mentres que o 96% dos bens rústicos dedícanse a fins agrarios. Todos estes bens representan o 0,11% das parcelas rústicas e urbanas de toda Galicia. O seu valor catastral supón algo máis de trescentos millóns de euros: o 0,30% do valor catastral de todos os bens de Galicia.

No traballo encargado á Facultade de Económicas da USC utilizáronse diversas metodoloxías: a metodoloxía de fluxo social; a input/output; a Big Data; e a metodoloxía ecléctica.

De todo iso dedúcese, tal e como explican os responsables do estudo, que os gastos de consumo da Arquidiocese provocan un incremento da demanda final de Galicia: por cada euro gastado en consumo, xéranse 1,8 euros de produción na economía galega; por cada euro en gasto de consumo, xéranse 0,86 de VEB na economía; por cada millón de euros en gastos de consumo, xéranse na economía galega 21,5 postos de traballo; e por cada posto de traballo directo que se crea, xéranse á vez 0,60 empregos indirectos ou inducidos.

Do impacto das actividades da Arquidiocese conclúese, tamén que por cada euro que se gasta en accións pastorais ou asistenciais, a Igrexa afórralle á sociedade en termos de custo de mercado aproximadamente 1,5 euros. Isto equivale a dicir que estas actividades teñen un custo de mercado 2,5 veces maior.

Por outra banda, tamén o patrimonio cultural/relixioso, que constitúe un polo notabilísimo de atracción turística para Galicia, ten un impacto económico: por cada euro que gastan os visitantes a este patrimonio, xéranse 1,97 euros de produción na economía galega; por cada euro que gastan, xéranse 0,95 euros de VEB na economía; por cada millón de euros que gastan os visitantes do patrimonio eclesiástico, xéranse na economía galega 23,8 postos de traballo; e por cada un deles, xéranse á vez 0,35 empregos indirectos ou inducidos.

O estudo académico recolle, ademais, os impactos que tivo a aposta da Igrexa diocesana de Compostela para loitar contra os efectos da pandemia do Covid 19. Realizouse unha achega directa de 150.000 euros para entidades sociais como Cáritas diocesana, as cociñas económicas de Santiago e A Coruña ou para o comedor social de Pontevedra e a institución coruñesa Pai Rubinos. Cáritas, pola súa banda, dedicou 125.000 euros en axudas no últimos tres meses, atendendo a máis de 3.800 familias e máis de 7.000 persoas.

O estudo foi elaborado por Xosé Antón Rodríguez González, profesor na USC na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde imparte clases de Econometría, quen dirixiu un grupo de investigación integrado por María Loureiro García, Fidel Martínez Roger, Francisco Durán Villa e Nicolás Augado Domínguez.

Versión en castelán