Preparando o DOMUND

A delegación diocesana de misións, que dirixe o sacerdote David Álvarez, ultima estes días a organización dos actos programados para o DOMUND, o Domingo Mundial das Misións, que este ano se celebrará o vindeiro domingo 21 de outubro.

O lema escollido nesta ocasión por Obras Misionales Pontificias é “Cambia o mundo”. Con el quérese transmitir a mensaxe de que é posible construír un mundo máis humano e fraterno. Por iso neste día convídasenos a ser xenerosos e a colaborar economicamente cos misioneiros que traballan en todo o mundo na promoción social dos máis pobres.

Na actualidade hai máis de doce mil misioneiros españois entregando a súa vida en 132 países dos cinco continentes. Realizan o seu traballo evanxelizador en máis de mil cen territorios de misión, nos que vive case a metade da poboación mundial. A recadación do ano pasado superou os once millóns de euros, que se investiron en 650 proxectos en 44 países.

A campaña deste ano achega datos estremecedores, que corremos o risco de escoitar sen inmutarnos. Pero a súa dureza é incompatible co Evanxeo de Jesús. Dous mil millóns de persoas viven con menos de dous dólares diarios. Dous mil millóns carecen de asistencia médica primaria. Mil millóns non teñen auga potable. Calcúlase que hai 850 millóns de analfabetos, dos que a gran maioría son mulleres. Dez millóns de nenos morren cada ano por enfermidades curables. Cen millóns de menores son explotados e obrigados a traballar, case sempre en actividades perigosas.

Na campaña lémbrasenos a pasaxe de Mt 25, 31-46: “Cada vez que o fixestes cun destes, os meus irmáns máis pequenos, comigo fixéstelo”. Se queremos cambiar o mundo urxe cambiar os nosos corazóns, porque só desde un corazón que ama véncese o egoísmo e comézase a pensar nas necesidades dos demais.

Versión en castelán