A Igrexa compostelá presenta as súas contas

A Igrexa compostelá publica A nosa Igrexa, unha revista web na que a Arquidiocese envorca o seu esforzo de transparencia e achega os datos económicos dos ingresos e gastos, non só da nosa Igrexa particular, senón tamén da Igrexa española. A publicación desagrega os capítulos nos que se investiu o diñeiro, desde a actividade pastoral e evanxelizadora á acción caritativa en favor dos máis necesitados.

A Igrexa compostelá recadou o ano pasado 19.414.000 euros, dos que a maior parte, un 62%, procederon das achegas voluntarias dos fieis e dos contribuíntes que marcaron a X na casa 105 da declaración da renda, que outorga á Igrexa o 0’7% da cota íntegra do imposto para o seu sostemento. Os gastos aparecen claramente especificados na publicación. A maior partida, 4.591.000 euros destináronse ás accións pastorais e asistenciais da Igrexa (Cáritas, celebracións litúrxicas, catequeses, Escola de Axentes de Pastoral, cursos…). Neste sentido destaca o labor de Cáritas, que o ano pasado atendeu ás necesidades de máis de 116 mil persoas, das cales a metade están en situación crítica de exclusión social. Case a mesma cantidade (4.457.000 euros) destináronse á retribución do clero compostelán e unha cifra moi similar (4.435.000 euros) a novos templos, programas de rehabilitación e outros empregos extraordinarios. A conservación do patrimonio e os gastos de funcionamento dos edificios necesitou 3.626.000 euros. A retribución salarial das persoas que traballan nos distintos servizos da Igrexa diocesana ascendeu a 1.653.000 euros.

A publicación pretende fortalecer a relación entre todos os membros da igrexa compostelá e cuxa publicación antecede á celebración do Día da Igrexa Diocesana o próximo 11 de novembro. O lema nesta ocasión é “Somos unha gran familia contigo”, e pretende fomentar unha comunidade na que todos somos imprescindibles e na que se vive unha mesma fe, unha mesma esperanza e idéntica caridade cristiá.

Tamén convida aos bautizados a colaborar no sostemento da inxente obra pastoral, caritativa e misioneira que realiza a nosa Igrexa. Convidamos a todos a un tempo lectura sosegada desta publicación.

Versión en castelán