Presentación do libro “O sepulcro do Apóstolo Santiago”, obra póstuma do cóengo Alejandro Barral

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, asistiu onte á noite á presentación do libro “O sepulcro do Apóstolo Santiago”, unha obra póstuma do cóengo Alejandro Barral, falecido hai algúns meses. O acto estivo organizado pola Cátedra das Peregrinacións e do Camiño de Santiago e pola Catedral de Santiago, editora do volume. No acto académico interviñeron o cóengo Elisardo Temperán e o profesor Ramón Izquierdo, director técnico do Museo da Catedral, quen presentou o libro. Tamén falou Domingo González Lopo, director da Cátedra das Peregrinacións. Asistiu, ademais, o bispo auxiliar, monseñor Jesús Fernández González, así como o deán da Catedral, Segundo Pérez López.

Tras a presentación do libro tivo lugar unha conferencia a cargo do profesor José Suárez Otero sobre “Na procura dunha memoria silenciada. A Tumba de Santiago, a Gallaecia sueva e as orixes dous reinos cristiáns hispánicos“.

O acto tivo lugar na aula Robert Plötz do Centro Internacional de Peregrinacións.

O traballo de Barral comeza facendo un repaso pola toponimia do enclave no que hoxe se levanta a sé e a cidade de Santiago para, a continuación, centrarse no sartego apostólico ao longo dos séculos: o mausoleo romano, o achado da tumba, e a súa evolución e relación coa construción da Basílica románica, as reformas barrocas e o sepulcro na actualidade.

Tal e como Barral recoñece na introdución, “o libro intenta percorrer o lance de penetrarse no mausoleo romano, como depositario da tumba apostólica, para procurar comprender o proceso das modificacións seculares polas que pasou ata chegar ao estado no que se atopa”.

Alejandro Barral nacera no Grove en 1930. Foi cóengo de arte da catedral de Santiago, director do museo catedralicio e secretario do Consello de fábrica. Cargos dos que dimitiu en 2006 ao cumprir os 75 anos. Durante dúas décadas foi o responsable das obras de conservación do patrimonio da sé compostelá. Entre as súas actuacións máis destacadas cabe mencionar a recuperación do coro lígneo do Mestre Mateo, a conservación do coro de madeira ou a reparación das cubertas. Tamén se notou a súa man na recuperación do museo catedralicio, que organizou con criterios científicos. Tamén foi un firme defensor da redacción dun Plan Director da catedral que se axustase á realidade do edificio e ás súas necesidades de financiamento para conservar o seu inmenso patrimonio.

Os seus coñecementos e o seu amor á arte valéronlle, entre outras distincións, ser nomeado Profesor Honorario da Universidade Francisco de Vitoria en 2010. Tamén tivo tempo para escribir catro libros. Dous sobre a catedral á que lle dedicou os mellores esforzos da súa vida, unha “Guía da arquidiocese de Santiago de Compostela” e outro sobre “Santa María a Real de Conxo”.

Versión en castelán