“Queremos transmitir unha mensaxe de esperanza a unha Europa angustiada e dicirlle con forza: levántate, Europa”

  • Documento final do encontro do Consello de Conferencias Episcopais de Europa desenvolto en Santiago
  • Un texto elaborado “desde a tumba do Apóstolo Santiago, meta de numerosos peregrinos provenientes de moitos lugares do noso continente”

Na sesión de clausura dos traballos da Asemblea Plenaria do Consello de Conferencias Episcopais de Europa (CCEE), os membros desta institución fixeron pública unha mensaxe final na que lembraron a importancia de Santiago de Compostela como centro de peregrinación, á vez que pediron perdón polos pecados de membros da Igrexa. Os bispos convidaron a Europa a redescubrir as súas raíces e a percibir os signos de esperanza que, a pesar das dificultades actuais, poden axudar a construír un escenario mellor no continente e na propia Igrexa. Na mensaxe indicaban que “queremos  transmitir unha mensaxe de esperanza a unha Europa angustiada e dicirlle con forza: levántate, Europa”.

Os bispos aluden, ademais, ao exemplo de tantos santos e mártires, antigos e contemporáneos, cuxas vidas e testemuños son un auténtico impulso para atopar os signos de esperanza no medio dos tempos actuais. “Eles brillan como estrela no firmamento”, sinalan.

“Europa, alégrate da bondade da túa xente, dos moitos santos escondidos que cada día contribúen en silencio á construción dunha sociedade civil máis xusta e humana. Coida as familias, as únicas capaces de asegurar o noso futuro. Recoñece con gratitude a súa fe en Deus e o seu exemplo”, manifestaban.

A mensaxe lanzábase, “desde a tumba do Apóstolo Santiago, meta de numerosos peregrinos provenientes de moitos lugares do noso continente, ante a que nós, bispos do Consello das Conferencias Episcopais de Europa, renovamos a nosa profesión de fe sobre o fundamento dos Apóstolos”.

“Nestes días”, engadían, “tivemos a alegría de ver a tantos mozos, e non tan novos, camiñando ata Santiago, chegando ata o Pórtico da Gloria”. “Conscientes dos nosos límites e de tantas debilidades que causan sufrimento a toda a Igrexa, tamén nós chegamos á Catedral para depositar, no rito do Abrazo, a nosa aflición e súplica nos ombreiros do Apóstolo, para pedir perdón polos nosos erros e comprometernos nós mesmos con esperanza e confianza no futuro”.

Versión en castelán