Santiago acollerá a Xornada de formación de voluntarios das Cáritas galegas

As xornadas desenvolveranse o vindeiro sábado día 16 no colexio compostelán de La Salle. O relator será Manuel Bretón Romeu, presidente de Cáritas Española. Nelas participarán delegacións da cinco cáritas diocesanas de Galicia.

Nos seus relatorios, Manuel Bretón falará de Novas “ferramentas para mellorar o noso traballo en prol dos máis necesitados”. Está previsto que faga unha reflexión e fale sobre os retos de futuro que asume Cáritas no século XXI. Tamén incidirá nos novos desafíos que se presentan a curto e medio prazo.

O Director de Cáritas Diocesana de Santiago, José Anuncio Mouriño, convida a participar nestas xornadas e lembra a importancia da formación, xa que esta redunda “na mellora do servizo que se presta. Por iso preocúpanos enormemente conseguir formadores que poidan transmitirnos, sempre desde a identidade de Cáritas, claves para a mellora da atención e do acompañamento dos nosos participantes”.

A reunión finalizará cunha mesa redonda e de debate  na que se analizarán os temas do emprego e a economía solidaria, e a problemática das persoas sen fogar. Está previsto que a sesión de traballo comece sobre as dez da mañá e que finalice ás seis da tarde.

Versión en castelán