“Santo Apóstolo Santiago, fai que desde aquí resoe a esperanza”

  • Na súa homilía de clausura do encontro de presidentes de Conferencias Episcopais de Europa, monseñor Barrio di que non “debemos esquecer a clave da eternidade para entrar no computador temporal da nosa existencia”

Final das sesións de traballo da Asemblea Xeral do Consello de Conferencias Episcopais de Europa en Santiago. Este domingo, a Eucaristía que presidiu o arcebispo de Compostela, monseñor Julián Barrio, e a visita ao Centro de Acollida de Peregrinos de Carretas, clausuraron este encontro que se desenvolveu desde o pasado xoves. “Santo Apóstolo Santiago, fai que desde aquí resoe a esperanza!”, comentaba monseñor Barrio na súa homilía. “Celebrar o día do Señor é fortalecer a nosa esperanza, pois non debemos esquecer a clave da eternidade para entrar no computador temporal da nosa existencia. A Palabra de Deus neste domingo fálanos da fe. Dicir fe para un cristián é dicilo todo. Estamos na vida como nun castelo. A fe é como esa xanela do noso castelo, que nos ofrece a posibilidade de superación dos nosos límites, unha saída do castelo, unha resposta á necesidade de liberdade e de infinito que levamos no noso corazón”, engadía o arcebispo compostelán na Igrexa de san Francisco.

A visita ao Centro de Acollida dos Peregrinos, así como a peregrinación desde o Monte do Gozo, ou a visita á catedral, co abrazo ao Apóstolo e a contemplación do Pórtico da Gloria, foron momentos importantes que enmarcaron o traballo dos presidentes das Conferencias Episcopais de Europa e, sobre todo, a mensaxe final no que convidaban a Europa a recobrar as súas raíces, a saír da súa angustia e percibir os signos de esperanza no medio das dificultades. Unha mensaxe no que os bispos sinalaban: “Europa, alégrate da bondade da túa xente, dos moitos santos escondidos que cada día contribúen en silencio á construción dunha sociedade civil máis xusta e humana. Coida as familias, as únicas capaces de asegurar o noso futuro. Recoñece con gratitude a súa fe en Deus e o seu exemplo”.

Na xornada do sábado interviñera o cardeal Vincent Nichols, vicepresidente do Consello, para despois dar paso a unha das sesións de traballo sobre o lema da reunión (“Europa, hora de espertar? Os signos da esperanza”) na que participaron monseñor Alain Paul Lebeaupin, nuncio ante a UE; Manuel Barros Prieto, secretario xeral da COMECE; e monseñor Paolo Rudelli, observador permanente da Santa Sé ante o Consello de Europa. Noutra das sesións de traballo falouse sobre a santidade en Europa no século XX.

 

Versión en castelán