O Seminario Menor de Belvís celebrou a San Rosendo

Foi un día grande no Seminario Menor de Belvís. Este venres celebrouse a Solemnidade de San Rosendo e o aniversario da colocación da primeira pedra da que é unha das grandes obras arquitectónicas do século XX en Compostela.
Tras unha conferencia de Ana Suárez, profesora de Historia Antiga na USC, quen falou sobre “Eses romanos están tolos”, charla na que expuxo as achegas da civilización romana en calzadas, obras públicas como os acuedutos, a minería ou diversas técnicas construtivas, celebrouse un acto académico no que se repasou a enorme cantidade de actividades levadas a cabo nesta VI Semana Cultural.

Tras iso, o arcebispo, monseñor Julián Barrio, presidiu a Santa Misa en honra do santo. Na súa homilía, don Julián felicitou á comunidade educativa do Seminario pola organización de todas as actividades.

Ademais, monseñor Barrio destacou o valor da fe para converter en cristiá a cultura. “É necesario que a cultura se refira a Deus”, dixo. Tamén se referiu á figura de San Rosendo, de quen explicou que foi “monxe por vocación e bispo por obediencia”. Monseñor Barrio comentou que San Rosendo “está nas reviravoltas da relixiosidade e na memoria espiritual da Galicia cristiá”.

O arcebispo sinalou que o reflexionar sobre San Rosendo debe conducir a interrogarse sobre o que somos e o que supón Deus nas nosas vidas, ademais de favorecer o noso impulso evanxelizador.

Este sábado será a ocasión de volver reunirse os Antigos Alumnos para lembrar momentos vividos nesta institución educativa e rezar por aqueles que xa faleceron. O Seminario Menor abrirá as súas portas a partir das 12:30 para acoller a cuantos desexen compartir a xornada.

Versión en castelán