Monseñor Barrio avoga por «revitalizar a tradición cristiá e vivir os valores auténticos que deron sentido á nosa vida»

O arcebispo de Compostela preside na Catedral de Santiago os actos litúrxicos da Solemnidade do Apóstolo Santiago.

Lembra que a pretensión de reducir a relixión ao ámbito privado contradi os principios dunha sociedade verdadeiramente democrática.

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio, avogou hoxe na súa homilía da Misa Solemne do Apóstolo Santiago por recuperar a fe en Deus e os valores da tradición cristiá na sociedade, a fin de garantir así unha plena defensa da dignidade humana. Monseñor Barrio apostou por “revitalizar a tradición cristiá e vivir os valores auténticos que deron sentido á nosa vida”. “A negación implícita ou o rexeitamento explícito de Deus”, expuxo,  “contribuíron á perplexidade moral en que vivimos. Sen a coraxe moral que fai saír do escepticismo, a sociedade non poderá superar os momentos de crises”. O arcebispo compostelán presidiu hoxe a celebración litúrxica da Solemnidade de Santiago Apóstolo na Catedral e asegurou que “esquecer a relación con Deus creador e salvador leva a converternos en medida de todas as nosas actuacións e procuras, xerando a miopía espiritual e a cegueira humana”. Monseñor Barrio tamén explicou que “a pretensión de reducir a relixión ao ámbito privado contradí os principios dunha sociedade verdadeiramente democrática” e lembrou que, tal e como sinalou a Igrexa no Concilio Vaticano II, “o exercicio da liberdade relixiosa require a ausencia de todo tipo de coacción por parte de persoas, grupos sociais ou do poder público, e que non se obrigue a ninguén a actuar contra a súa conciencia nin se lle impida que actúe conforme a ela, pública ou privadamente, só ou asociado con outros, dentro dos límites debidos”.

Monseñor Barrio vinculou hoxe a promoción e defensa da dignidade humana coa recuperación integral do legado cristián. A fe transmitida polo Apóstolo Santiago e polos demais apóstolos, dixo o arcebispo santiagués, “descóbrenos a verdade de Deus e do home, e motívanos a erradicar as causas das que emerxen guerras, odio, terrorismo, e penurias cotiás”. Nunha homilía chea de densidade evangélica e de referencias  ao actual momento histórico, monseñor Barrio sinalou que “na crise humanitaria, moral e relixiosa de Europa que se atopou a si mesma ao redor da memoria de Santiago, e de España, no contexto europeo, percíbese a “perda da memoria e da herdanza cristiás, unida a unha especie de agnosticismo práctico e de indiferenza relixiosa, polo cal moitos europeos dan a impresión de vivir sen base espiritual e como herdeiros que malgastaron o patrimonio recibido ao longo da historia”. Dixo tamén que “aumenta a dificultade de vivir a propia fe en Xesús nun contexto social e cultural no que o proxecto de vida cristián se ve continuamente desdeñado e ameazado” e apostou por “revitalizar a tradición cristiá e vivir os valores auténticos que deron sentido á nosa vida”. O cal, “nos axudará por respecto ás persoas que sofren e por coherencia evangélica, a asumir con tanta dignidade como fidelidade este momento histórico e a xerar un ámbito cultural que non peche os seus ollos á luz da fe no medio de tanta sospeita e desconfianza”.

Neste sentido, monseñor Barrio aludiu a que “as inesgotables fontes do progreso humano son o culto a Deus, a caridade e a misericordia co próximo”. E tras asegurar que “a pretensión de reducir a relixión ao ámbito privado contradí os principios dunha sociedade verdadeiramente democrática”, o arcebispo de Santiago de Compostela lembrou que “onde non hai entrega polos demais xorden formas de prepotencia e submisión impedindo unha auténtica promoción humana integral que leva respectar a vida, preocuparse dos anciáns e enfermos e non ser meros espectadores de persoas vítimas de calquera tipo de violencia”.

Monseñor Barrio afirmou que “a lóxica do poder ha de cambiarse pola do servizo, a da posesión pola do don, a do interese persoal pola da gratuidade. Non esquezamos que o encontro e a acollida do outro se entrecruzan co encontro e a acollida de Deus”.

Ademais, en resposta á Ofrenda Nacional realizada en nome do Rey polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, monseñor Barrio encomendou á intercesión do Apóstolo a todos os pobos de España, “de xeito especial ao pobo galego”; pediu polos froitos espirituais da Xornada Mundial da Mocidade de Cracovia; e lembrou as vítimas do accidente ferroviario de hai tres anos. “Lembramos”, dixo, “con afecto e na oración aos que outros anos celebraban esta festa connosco e que o Señor chamou á súa presenza, confiando que gocen xa da felicidade eterna. Ninguén de nós pode esquecer esa sombra de dor que nas vésperas dá festa do Apóstolo de hai tres anos se estendeu na cidade polo accidente ferroviario”.

 

Versión en castelán