Monseñor Barrio indica que o verdadeiro liderado consiste na actitude de servizo e lembra que “as relacións da Igrexa coa sociedade son de diálogo e axuda mutua”

  • Na súa homilía da Solemnidade de Santiago,  pide ao “apóstolo polos nosos gobernantes para que saiban atopar, en diálogo sereno e respectuoso coa verdade, solucións aos problemas políticos, sociais e culturais”
  • O arcebispo indicou que “ninguén de nós pode esquecer esa sombra de dor que nas vésperas da túa festa extendeuse na cidade polo accidente ferroviario”

O arcebispo de Compostela, monseñor Julián Barrio, presidiu hoxe, Solemnidade do Apóstolo Santiago, a Misa Estacional en honra ao patrón de Galicia e de España na Igrexa de San Martiño Pinario, unha cerimonia na que o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo realizou a súa Invocación ao Apóstolo. Na súa homilía, o arcebispo sinalou que na fe en Deus o home atopa respostas aos seus máis profundos interrogantes. “O cristianismo”, dixo, “é unha proposta que cambia a vida humana cunha orientación absolutamente nova”. Monseñor Barrio lembrou o espírito de servizo que Cristo demandou aos seus apóstolos, indicando que “o verdadeiro liderado” do discípulo, como no caso de Santiago, “está en servir no medio de probas e sufrimentos”. O arcebispo engadiu que “ás veces entendemos a autoridade como promoción e honra, ambición e prestixio, dominio e arbitrariedade, utilizando os demais como banzos para escalar a cima e refugando valores relixiosos e morais para que nada se opoña ás nosas pretensións”. E indicou que a Igrexa está “chamada a ser servidora da humanidade” e que “as relacións da Igrexa coa sociedade son de diálogo e axuda mutua “por encima dos erros, conflitos e malentendidos que se poidan dar por mor das limitacións da nosa condición humana”. A Igrexa non busca ocupar espazos senón iluminar coa luz do Evanxeo as realidades en que nos atopamos”. O arcebispo rezou tamén “polos nosos gobernantes para que saiban atopar, en diálogo sereno e respectuoso coa verdade, solucións aos problemas políticos, sociais e culturais” e lembrou as vítimas do Alvia.

A liturxia eucarística da Solemnidade do Apóstolo Santiago desenvolveuse este ano, polas obras de restauración na Catedral compostelá, na Igrexa de San Martiño Pinario. Coa presenza de todos os bispos das Dioceses de Galicia, o arcebispo compostelán, monseñor Julián Barrio, presidiu a Misa Estacional na que actuou como Delegado Rexio o actual alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo. Tamén estiveron presentes o arcebispo emérito de Tánxer, monseñor Santiago Agrelo, o responsable da congregación vaticana para a Vida Consagrada, monseñor José Rodríguez Carballo, ambos os dous franciscanos, así como monseñor Juan Piris Frígola.

Na súa homilía, monseñor Barrio manifestou que “a solemnidade do apóstolo Santiago motívanos a reavivar a nosa identidade cristiá, recoñecendo a dignidade sacra da persoa humana cuxa vida hai que respectar e defender en calquera das circunstancias”. Avogou por buscar en Deus as respostas aos interrogantes que se expón o home, nun escenario de déficit “de humanidade” e pediu mirar pola “humanidade sufrinte nos refuxiados, nos excluídos, nos migrantes forzosos, nos pobres, nas vítimas inocentes de tanta violencia sen sentido, que nos conmoven”.

“O outro”, explicou, “é sempre unha chamada, e ás veces convertémolo nun perigo. A incerteza desasoséganos e lévanos a medir e valorar todo segundo a súa utilidade e rendibilidade descartando a persoas que xa non poden seguir esperando”.

Monseñor Barrio asegurou que “a resposta no medio da confrontación, como di o Papa, é a cultura do encontro que se dá ao “buscar puntos de coincidencia no medio de moitas disidencias, nese empeño artesanal e ás veces custoso de tender pontes e construír a paz”.

Recordo ás vítimas do Alvia

Non faltou na súa homilía un recordo emocionado ás vítimas do accidente do Alvia. “Lembro con afecto e na oración aos que noutros anos celebraban esta festa connosco e que ou Señor chamou a súa presenza, confiando que gocen xa ds felicidade eterna. Ninguén de nós pode esquecer esa sombra de dor que nas vésperas da túa festa extendeuse na cidade polo accidente ferroviario. Lembro tamén as persoas que morreron por calquera forma de violencia sempre irracional”, indicou monseñor Barrio.

O arcebispo pediu tamén “polos nosos gobernantes para que saiban atopar, en diálogo sereno e respectuoso coa verdade, solucións aos problemas políticos, sociais e culturais; e por todas aquelas persoas que están ofrecendo os seus mellores esforzos para responder ás esixencias do ben común, de maneira especial educando os nenos e a mocidade”. Ao mesmo tempo invocou o patrocinio de Santiago para que “o Señor bendiga as súas Maxestades e a Familia Real”, así como o oferente e a súa familia.

 

Versión en castelán