Técnicos de Cáritas analizan as novas perspectivas do senfogarismo

As novas perspectivas do senfogarismo foi o eixo central da xornada de traballo protagonizada por técnicos de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. Levou a coordinación o profesor Fernando Vidal, quen durante a súa intervención expuxo a necesidade de que no proceso é necesario un cambio do modelo de sociedade e afondar nos postulados relacionados coa recuperación e a restauración das persoas que viven na rúa ou en condicións insalubres.

Considera que é prioritario aumentar o traballo da formación no conxunto da sociedade e dentro dela xoga un papel moi decisivo a familia para intentar retirar das rúas as persoas sen fogar. Nos novos postulados –dixo– para axudar a este colectivo trabállase coa dignidade da persoa, os dereitos humanos, a familia, a economía social e as condicións de vida. En todo iso é fundamental que a persoa dispoña dos seus espazos para cambiar o seu lugar na rúa por un que reúna as mínimas condicións.

Cando se trata con este colectivo de persoas, un dos maiores problemas cos que se atopan está relacionado coa recuperación integral das persoas e, dentro dela, é de suma importancia que se produza unha boa restauración no seu modo de vida para a súa volta á sociedade

A desvinculación, o fracaso asistencial e a crise social, foron nos anos 90 os factores fundamentais para que se desatase o senfogarismo. Para loitar contra iso -insistiu- é imprescindible traballar coa sensibilización e a denuncia e así poñerlle cara ao senfogarismo: “cando se pon cara ás persoas sen fogar tómase conciencia da súa identidade”, dixo.

O profesor Fernando Vidal, é doutor en Socioloxía, imparte docencia na Universidade Pontificia de Comillas, é patrón da Fundación Foessa e vicepresidente da fundación Rais para o fomento da integración de persoas en exclusión.

Versión en castelán