Triduo Pascual co arcebispo. Xoves Santo na Cea do Señor

  • Homilía do Xoves Santo 2019 na Igrexa de Santa María Salomé

É posible que o noso Apóstolo  imaxinou nalgún momento que o Señor nos mandara preparar a súa Cea nesta Igrexa dedicada a Santa María Salomé, nai de Santiago, que hoxe se converte en Cenáculo para nós. Alégranos que así fose neste ano de graza de 2019.

Xoves Santo, tarde de misterio que mergulla a nosa vida. Xesús apostou polo amor ata a morte. O seu  amor foi debullándose ao longo da súa existencia cun desvivirse en plenitude ata chegar á total entrega da súa vida. Unha espiga cargada de froito inclinada ao Pai. Esta tarde a Igrexa convídanos á gratitude, á adoración, e á reparación.  Lembramos que Cristo instituíu a Eucaristía, “amor que se inmola”, converténdose en alimento para o noso peregrinar cristián. Instituíu o sacerdocio, “amor que se fai visible e prolóngase en homes de carne e óso”, urxíndonos a rogar ao Dono da seara que envíe obreiros á súa seara. Deixounos o mandamento do amor fraterno: “Amádevos os uns aos outros como eu vos amei”.

No Cenáculo realízase todo con sinxeleza. “Baixo as especies do pan e do viño, Xesús faise  realmente presente co seu corpo entregado e o seu sangue derramado”. Neste sacramento actualízase o sacrificio redentor de Cristo na cruz e convértese en Banquete sacrificio, onde o comungamos, e fainos partícipes da súa vida divina. É o misterio da fe. Temos que agradecer a Eucaristía, recibila con corazón limpo e gastar a nosa vida polos demais porque a participación na Eucaristía ha de expresarse en servizo xeneroso. Non podemos separar o que facemos do que cremos. Temos que apreciar vivamente a Presenza real de Cristo no Santísimo Sacramento e renovar a fe nesta realidade. Ás veces dinnos que a nosa fe é abstracta e descarnada.

Xesús antes da Cea levantouse, quitou o manto, tomou unha toalla e lavou os pés dos discípulos. Lavar os pés, abaixarse e amar o irmán convértennos en mellores persoas. O desconcerto foi grande. Non estraña a reacción de Pedro que non comprende nin acepta o proceder de Xesús que lles di: “Deivos exemplo…”. “Tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros!” (Xn 13,14). Ter parte con Xesús mediante o lavatorio significa formar parte do amor que se entrega e que dá a vida. Isto comporta desposuírse de todo aquilo que nos sitúa nunha posición de poder e prestixio, e abaixarnos para poder mirar os demais desde abaixo, non por encima do ombreiro. Quitemos os tacóns e non andemos no bico dos pés, modos que nos desfiguran aparentando o que non somos! Temos que deixar tantas roupaxes que nos impiden ser nós mesmos e atoparnos cos demais para servilos, sobre todo cos pobres e os descartados da nosa sociedade, como tantas veces nos lembra o papa Francisco.

Se queremos ser cribles temos que facelo todo con amor. Facilmente nos identificamos coa humildade de Pedro que se sente indigno de que o Mestre lle lave os pés. Pero “só se nos deixamos lavar unha e outra vez, se nos deixamos purificar polo Señor mesmo, podemos aprender a facer, xunto con El, o que El fixo”. A caridade será o sinal pola que recoñecerán o cristián. Estamos chamados a encarnar a salvación na nosa historia. Aprendamos a lección do Señor e levémola aos nosos deberes na casa, na rúa, no traballo, na comunidade eclesial.

Cristo deu a súa vida por nós, nós debemos dar a nosa vida polos irmáns, aliviando as súas penas, curando e vendando as súas feridas físicas e espirituais, e dándolles exemplo cunha vida honrada. Ditosos os invitados á Cea do Señor! “Comungar con Cristo é darse con el aos demais, amar ata o extremo. A Eucaristía que edifica a Igrexa como comuñón de fe, esperanza e amor, imprime en quen a celebra con verdade unha auténtica solidariedade e comuñón cos máis pobres”. Co traxe da nosa amizade con Deus, dicímoslle: “Señor, non son merecente de que entres no meu fogar, mais unha palabra túa abonda para me salvar”. É Xoves Santo. Anunciemos a morte do Señor, e proclamemos a súa resurrección, cumprindo o seu mandato: “Facede isto en memoria miña”. Amén.

Versión en castelán