Triduo Pascual. Homilía do arcebispo na Vixilia Pascual

Ein recht gesegnetes Ostern wünscht Ihnen”.

Je vous prie d´ágréer mes meilleurs voeux de joyeuses Pâques

With my best wishes for a truly blessed Easter

Bona Pasqua a tutti. Boa Pascua a todos. Felices Pascuas!

Durante o sábado santo, esperamos o anuncio da resurrección de Cristo. Entrada xa a noite oímos: “Resucitei e sempre estou contigo; ti puxeches sobre min a túa man. Considérase que foron estas as palabras que o Fillo dirixiu ao Pai despois da súa resurrección, despois de volver da noite da morte ao día eterno da Vida”[1]. Todo será distinto. O noso home vello morreu na cruz de Cristo, deixando así a nosa escravitude. É un cambio radical na existencia humana. O señorío de Deus é o que dá a vida. É a Vixilia da luz, da Palabra, do Bautismo e da Eucaristía que nos axuda a contemplar co corazón purificado o milagre do amor de Deus.

María Madalena, María a de Santiago e Salomé, moi de mañá, achegáronse ao sepulcro levando os aromas que prepararan como mostra de afecto cara á persoa querida defunta. Ningún temor as paraliza. Pero o  corpo de Xesús non estaba no sepulcro. “Quedaron aterradas” (Mc 16,5). Foi a reacción ante algo inesperado. Ante o novo preferimos as nosas seguridades e os nosos recordos. Temos medo das sorpresas de Deus para quen non hai situación que non poida cambiar. “Non teñades medo. Buscades a Xesús o Nazareno, o Crucificado? Resucitou. Non está aquí. Mirade o sitio onde o puxeron(Mc 16,6).

Temos visto que toda a historia da salvación é unha manifestación do amor creador e liberador de Deus. “Polo bautismo fomos sepultados con el na morte para que, o mesmo que Cristo resucitou de entre os mortos pola gloria do Pai, así tamén nós  andemos nunha vida nova” (Rom 6,4). “Cristo resucitado vén animar unha festa no máis íntimo do corazón humano”, di santo Atanasio. Mensaxe esperanzadora nunha sociedade tan tensionada que busca pretextos para a violencia e maniféstase ás veces non coa bondade senón coa maldade.

Nesta noite santa tocamos a orla do novo vestido do Resucitado quen nos sostén na nosa fraxilidade. El é a Luz simbolizada no cirio pascual, que ilumina os recunchos da historia da nosa vida persoal para facernos pasar das tebras do pecado e da morte á luz da graza e da vida. Esta é a nosa aventura cristiá, sabendo que fomos unxidos co óleo perfumado do bautismo e co crisma da confirmación. Cantos espazos da nosa sociedade esperan o bo recendo de Cristo no medio da corrupción moral! Dos cristiáns espérase un testemuño claro de honestidade e xustiza para gloria de Deus e servizo dos homes!

Xesús resucitou! A Pascua é a festa da nova creación. Atopámonos cunha creación renovada. Mortos ao pecado e vivos para Deus en Cristo Xesús somos o seu pobo e El será o noso Deus! Non hai lugar para o medo. Xesús venceu á morte. Nel atopamos o sentido do noso peregrinar humano. Abandonemos as formas pagás de vida, desposuíndonos “do vello fermento para ser unha nova masa” (1Cor 5,7)! “Non temades”, “Alegrádevos”, “Ide e anunciade”.

Pidamos que esta Noite Santa traia a paz a todos os lugares da terra. Coa nosa oración fago chegar a felicitación pascual ao Papa Francisco. Coa alegría que nos dá Cristo resucitado, saúdo con afecto pastoral a todos os diocesanos, aos irmáns da Igrexas separadas, aos das relixións non cristiás, e a todos os homes de boa vontade que peregrinan na nosa Diocese. Feliz  Pascua de Resurrección do Señor!

 

[1]Cf.  BIEITO XVI, Homilía na Vixilia Pascual, 8 de abril de 2007.

Versión en castelán