Venres Santo. Celebración da Paixón do Señor

  • Homilía de mons. Julián Barrio o Venres Santo na Igrexa de San Francisco

A liturxia do Venres Santo convídanos a contemplar a Cristo crucificado, contrastando os plans de Deus cos nosos. Talvez a cruz fira a nosa sensibilidade acomodaticia pero non podemos sentirnos alleos a esta realidade. Só podemos entender a historia da nosa redención se miramos o Crucificado. O estandarte de Deus é a cruz, símbolo de entrega e misterio da aniquilación de Deus por amor. San Paulo di que para os xudeus é un escándalo e para os gregos unha necidade, é dicir un insulto ao bo sentido, pero para os chamados en Cristo é forza e sabedoría que nos leva a elixir a intemperie do amor. O evanxeo da graza só se entende na clave da cruz. Onde parece haber só fracaso, derrota e dor, está todo o poder do amor de Deus.

A Cruz de Cristo preséntase “como  a única verdadeira glorificación de Deus, na que Deus se glorifica a se mesmo mediante Aquel no que nos entrega o seu amor, e así elévanos cara a El”. Foi acreditado ante Deus por ser o seu Fillo e compadécese das nosas debilidades porque na súa realidade humana foi probado en todo, excepto no pecado.

En Xesús crucificado segue presente o Deus oculto. Coa súa imaxe desfigurada fundamenta a nosa esperanza: Deus está á beira dos que padecen a inxustiza, a exclusión ou a tortura. Tamén o home maltratado e humillado continúa sendo imaxe de Deus. “O centurión conmovido por todo o que ve, recoñece a Xesús como Fillo de Deus: Realmente este era o Fillo de Deus. Baixo a cruz o Señor reúne os homes para a nova comunidade da Igrexa universal. Mediante o Fillo que sofre recoñecen o Deus verdadeiro”.

Son posibles o amor, a fraternidade, a sinceridade, as relacións humanas lonxe da prepotencia, do engano e do odio na convivencia familiar, social e laboral. Cristo sálvanos co seu amor e a súa obediencia. Mirando a Cristo na cruz nada falta: Deuno todo. Mirando a través dos ollos mesmos de Xesús á humanidade vemos que aínda falta moito: nós, membros do corpo de Cristo, envolvidos nos nosos egoísmos, non estamos a dar todo por El e polos irmáns. O home segue sendo un ser doente que debe seguir coa súa cruz a Cristo, e axudar a levar as cruces dos demais: as dos migrantes, dos refuxiados, das maltratadas, dos enfermos, dos nenos aos que se lles rouba a inocencia, dos anciáns que viven a soidade da vellez e da indiferenza, dos cristiáns perseguidos e dos desesperanzados.

Na paixón Xesús experimentou toda a tribulación do ser home. Nela o abismo do pecado e do mal chegou ata o fondo da súa alma. Todos pecamos, todos necesitamos a misericordia do Señor, o amor do Crucificado. A tentación constante dos cristiáns é chegar ao éxito sen a cruz.

Hoxe é o día en que fan festa todos os que lavaron os seus vestidos no sangue do cordeiro e viven xa para sempre alí onde non caben as cruces da inxustiza, do engano e a opresión, porque hai un mundo novo no que non hai pranto, nin loito nin dor. Esta é a cruz que consola e anima, a que se levanta na historia para que, mirando ao que atravesaron, todos poidamos ter a experiencia de que as súas cicatrices nos curaron.

O símbolo deste día santo é a Cruz: a vitoria do amor, a Glorificación de Xesús, o triunfo do home pola entrega de Deus. Aquí atopan explicación as palabras de Xesús: “Quen queira salvar a súa vida, perderaa; pero o que a perda  por min, atoparaa”. No “Ecce Homo” está presente Deus mesmo glorificando, coroando, dignificando e salvando o home. Non deamos as costas aos “Ecce homo” dos nosos días. Envolvamos a Cristo morto na saba branca do afecto. “Adorámoste, oh Cristo, e bendicímoste porque pola túa santa cruz redimiches o mundo”. Amén

Versión en castelán