Visita ao Cottolengo de monseñor Barrio

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, visitou este luns o Cottolengo do Padre Alegre de Compostela, unha cita que xa é habitual nestas datas próximas ao Nadal. O arcebispo saudou as internas neste centro e as voluntarias e rezou Vésperas coa comunidade relixiosa que atende o centro, Servidoras de Xesús do Cottolengo. Monseñor Barrio transmitiu o seu agradecemento polo traballo que desenvolven e aproveitou para felicitarlles o Nadal.

A orixe do Cottolengo remóntase aos traballos do xesuíta Padre Alegre Pujals, quen adoitaba frecuentar os hospitais de Barcelona mostrando unha predilección especial polos enfermos máis pobres que non tiñan a ninguén. Nun das viaxes a Italia coñeceu a obra de san Xosé Benito Cottolengo, en Turín, e o que máis lle impresionou foi «a confianza en Deus como único apoio daquela Institución» e, iso era, precisamente, o que quería comezar en Barcelona: unha casa que acollese os enfermos que ninguén quere e que non teñen recursos.

Pero non puido velo persoalmente. Sementou a semente dese novo carisma nun segrar ao que dirixía espiritualmente, Romualdo Zaragoza, ao que pouco antes de morrer (1930) pediulle que fundase esa institución coa axuda do Superior da súa comunidade, o Padre Guim. Posteriormente, o arcebispo de Barcelona, Doutor Irurita, achegou tamén o seu entusiasmo para que en 1932 vise luz a nova institución.

Na actualidade son nove as casas que ten o Cottolengo do Padre Alegre no mundo. Seis en España (Barcelona, Valencia, Madrid, Santiago de Compostela, As Hurdes, Alacante), dúas en Colombia (Buenaventura e Popayán) e unha en Portugal (Lisboa). As relixiosas que atenden estas casas din que procuran ser «testemuñas do amor de Deus presente no mundo. O Cottolengo é unha familia».

Os requisitos para entrar na familia do Cottolengo? A enfermidade que teñan debe ser incurable e, ademais, ser pobres de solemnidade.

En 1939, nacía en Barcelona, a Congregación relixiosa de Irmás Servidoras de Xesús, que desde entón se ocupan de levar adiante a institución do Cottolengo do Padre Alegre. A súa fundadora, Dores Permanyer i Volart, definiría o seu carisma como «entregar a vida ao servizo de Xesucristo no irmán pobre e enfermo máis necesitado, formando con el unha familia que quere vivir total e filialmente confiada no amor de Deus, Pai Providente, e en adoración constante a Cristo, o Señor, no Misterio da Eucaristía».

A historia do Cottolengo de Santiago remóntase ao 22 de xullo de 1951. No número 80 da Rúa de San Pedro, nunha modesta casa unifamiliar doada para tal fin por Isabel de Sáenz-Díez, comezou a existir esta institución. A familia foi crecendo ata tal punto que se fixo necesario o proxecto dunha casa máis grande e mellor adaptada ás necesidades básicas desta institución. Foi entón cando se levou a cabo a construción do edificio actual do Castiñeiriño. O traslado fíxose o 5 de novembro de 1977.

Versión en castelán