XXVI Xornada Interparroquial de solidariedade cos Parados

XXVI Xornada Interparroquial de solidariedade cos Parados.

Maio de 2019

Queridos diocesanos:

Chegamos este ano á 26 Xornada Interparroquial de solidariedade cos Parados. Agradezo o esforzo e sensibilidade de tantas persoas non alleas a este compromiso na nosa sociedade.

O papa Francisco frecuentemente fala do desemprego, un dos problemas máis graves e dolorosos para aqueles que perderon o emprego e para quen é moi difícil reinsertarse novamente no ámbito laboral. Situación esta máis complicada aínda para os mozos. Non é unha cuestión menor porque esta realidade afecta á dignidade da persoa e non considero fácil a solución a este problema pero certamente estariamos no camiño de atopala se fósemos capaces de poñer ás persoas no corazón, buscando que non prevalecese a especulación dos que só miran os seus propios intereses sen tomar conciencia do ben común.

É urxente responder as persoas e ás familias que están a padecer esta situación, impulsando o desenvolvemento persoal e espiritual, e facendo fronte ademais ás necesidades das mesmas. O camiño é a solidariedade e a inquietude humanista que deben tecer os fíos do tapiz da nosa sociedade. “A política máis eficaz para lograr a integración e a cohesión social é, certamente, a creación de emprego. Pero para que o traballo sirva para realizar a persoa, ademais de satisfacer as súas necesidades básicas, ha de ser un traballo digno e estable… Un emprego digno permítenos desenvolver os propios talentos, facilítanos o seu encontro con outros e achéganos autoestima e recoñecemento social”[1].

Isto esixe poder ofertar traballo á persoa para que poida ter unha vida digna, e levar o pan á súa casa. “O traballo debería ser o ámbito deste múltiple desenvolvemento persoal, onde se poñen en xogo moitas dimensións da vida: a creatividade, a proxección do futuro, o desenvolvemento de capacidades, o exercicio dos valores, a comunicación cos demais, unha actitude de adoración”[2]. O papa Francisco afirma que “neste sentido, axudar os pobres con diñeiro debe ser sempre unha solución provisoria para resolver urxencias. O grande obxectivo debería ser sempre permitirlles unha vida digna a través do traballo”[3]. A Doutrina Social da Igrexa lembra os principios fundamentais de actuación como son: a dignidade inviolable da persoa humana, o destino universal dos bens da creación, a participación de todos na procura de ben común, e a solidariedade.

Comparto os sentimentos de tantas familias cuxos membros están en paro e rezo por elas. Saúdavos e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,

Arcebispo de Santiago de Compostela

 

[1] CEE, Igrexa, servidora dos pobres, Ávila 2015, 32.

[2] FRANCISCO, Laudato Sí, 127.

[3] Ibid., 128.

Versión en castelán